O Festival Galicreques ofrecerá 50 funcións e contará coa presenza de artistas de nove países

O Festival Internacional Galicreques, organizado pola Asociación Barriga Verde co apoio e patrocinio de institucións como o Concello de Santiago, AGADIC, a Deputación da Coruña, o Ministerio de Cultura e Deporte a través do Inaem e a Fundación SGAE, traerá a Santiago compañías e artistas procedentes de nove países durante a súa 31ª edición, que se celebrará entre o 10 e o 18 de outubro. O cartel inclúe unhas cincuenta funcións que correrán a cargo de compañías procedentes de España, Chile, Uruguai, Italia, Brasil, Arxentina, Colombia, El Salvador e India.
Na presentación participaron a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e o director de Galicreques, Jorge Rey.
Míriam Louzao parabenizou ao director do festival por manter durante máis de tres décadas un festival de "gran calidade artística" que "demostra que a creatividade, o humor e o fío dunha historia ben contada é quen de manter a crianzas e a persoas adultas pegadas a unha butaca". Tamén puxo en valor a dimensión internacional "que nos permite estar ao día do que se está facendo noutros lugares do mundo", así como "o arraigo do teatro de marionetas no noso país tanto entre o público como entre compañías". Tamén fixo unha referencia ao programa escolar do festival indicando que "é unha forma de achegar novas propostas á escola contribuíndo a fomentar afección ao teatro desde idades temperás".
Na súa intervención, Jorge Rey destacou o cartel internacional do Festival Galicreques, no que destaca a participación de Dadi Pudumjee, titiriteiro da India que é presidente de honra de UNIMA internacional. Este prestixioso mestre ofrecerá unha clase maxistral o domingo 18 de outubro, día en que tamén recibirá o Premio Galicreques 2026. Non será a única actividade formativa de carácter internacional que ofreza este ano o festival, xa que como indicou Rey na súa intervención a compañía italiana Zaches Teatro impartirá o curso L’arte della maschera (A arte da máscara) os días 15 e 16, en horario de 10 a 14 horas.
A presenza internacional neste 31º Festival Galicreques complétase coas compañías procedentes de Chile (Vagabundo Títeres), Uruguai (Coriolis), El Salvador (Oncelot Teatro), Arxentina (Tïteres en vuelo, Manu Mansilla, Los Pompas e El Telón), Colombia (Libélula e La Pepa del Mamoncillo) e Brasil (Habib&Valeria). As compañías españolas que participan no Galicreques son Teatro Arbolé (Aragón), Zorro Gallego (Asturias) La Gotera de la Azotea (Andalucía), La Tartana (Madrid), La Estrella (Valencia) e La Carreta (Valencia).
Presenza galega e estrea
O Festival Galicreques contará no seu cartel cos espectáculos de seis nomes destacados do teatro galego de monicreques e obxectos. Espaguetti Títeres representará O gato e os ratos, mentres que Mircromina ofrecerá a súa peza Cocinillas e Teatro Escena actuará coa súa obra Brancaneves e os 7. Pola súa banda Uxía Algarra porá en escena Gracias por su visita e Títeres Alakrán presentará a súa versión de A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques en galego da obra homónima de Valle-Inclán.
Marcos PTT representará o 17 de outubro no Salón Teatro ás 19.00 horas Vila, unha investigación escénica arredor dos lugares que habitamos e das historias que se agochan detrás deles. A cidade como escenario convértese nun lugar que pode ser desmontado, ampliado, transformado e reconstruído para descubrir aquilo que normalmente permanece invisible. A obra preséntase como unha reflexión sobre como as sociedades humanas se relacionan, constrúen e destrúen tanto o territorio coma aos seus habitantes.
O cartel deste Galicreques conta con funcións escolares e a programación descentralizarase para achegarse ao público dos diferentes barrios da cidade. Así, o cartel desenvolverase nun total de 16 recintos. Os principais centros neurálxicos serán a xa tradicional Carpa que Galicreques instala na Alameda cada ano e o Teatro Principal. O festival ademais programará funcións en nove centros socioculturais (Conxo, Santa Marta, Fontiñas, Vite, Castiñeiriño, O Ensanche, Amio, A Gracia, Figueiras e Laraño). A Casa do Taberneiro, a Reixa Tenda e a Fundación SGAE completan a relación de escenarios deste 2026.
Este ano, o Festival Galicreques ten a honra de conceder o seu premio a Dadi Pudumjee (Pune, India, 1951), unha figura esencial do teatro de monicreques contemporáneo e un dos seus grandes embaixadores internacionais. Desde que iniciou a súa traxectoria profesional nos anos setenta, traballou para ampliar as fronteiras da linguaxe dos monicreques, achegándoa á danza, á música, ás sombras, aos obxectos e ao movemento.
Fundador de Sutradhar Puppet Theatre e Ishara Puppet Theatre, creou en 2001 o Ishara International Puppet Festival. O seu compromiso coa arte dos monicreques transcende o escenario: foi presidente de UNIMA Internacional entre 2008 e 2021 e é hoxe Presidente de Honra da organización. Galardoado co Sangeet Natak Akademi Award e o Padma Shri, Pudumjee construíu unha traxectoria dedicada a tender pontes entre culturas, xeracións e tradicións, deixando unha fonda pegada no teatro de monicreques mundial.