O festival Imaxinario reúne este ano 85 cortometraxes e videoclips de 29 países

Poderá verse do 23 de outubro ao 1 de novembro en Vilagarcía de Arousa, incluíndo 11 estreas mundiais, 3 internacionais, 5 europeas, 28 en España e 31 en Galicia
rodaxe-curto-adrian-najera
8 Sep 2026

Curtas Festival do Imaxinario volve situar a curtametraxe no centro da súa programación. A 54ª edición reunirá 85 obras de formato curto, entre 78 curtametraxes e 7 videoclips, procedentes de 29 países.

A selección mantén unha das liñas de traballo que definen o festival: descubrir novas voces e ofrecer ao público galego acceso a obras que aínda non tiveron percorrido no noso territorio. Nesta edición, 78 dos traballos seleccionados chegarán con algún tipo de estrea: 11 deles serán estrea absoluta, 3 suporán a primeira proxección internacional do traballo, 5 serán estrea europea, 28 en España e 31 terán a súa estrea en Galicia.

Con esta selección, o Festival Internacional de Cine Fantástico de Galicia reforza a súa aposta por un cine fantástico aberto a novas miradas, linguaxes e formas de expresión, con especial atención ás voces emerxentes e ás propostas que exploran os límites do xénero.

A Sección Oficial Fantástica, con 66 curtametraxes, reúne unha ampla representación do fantástico contemporáneo, con traballos procedentes de Europa, América, Asia e Oceanía. Terror, ciencia ficción, fantasía, humor negro e propostas máis difíciles de clasificar conviven nunha selección que combina cineastas emerxentes con autores de traxectoria.

Entre as estreas mundiais da sección figuran Carne, de Pasquale Russo; Dagon, de Olivier Beguin; Dark Night, de Nafiseh Zohari; Period., de Nikola Petrovic; Plato Estrella, de Roberto Del Castar; Sakana, de Yun-Rei Chuang; Sheep Code, de Ali Rahmati; e Turn it down, de Niels Bourgonje.

A programación complétase con Made in Galicia, que reúne seis traballos de creación galega; Fantastic Vertical Contest, nova sección dedicada ao formato 9:16, con seis propostas seleccionadas; e Fantastic Videoclips, que incorpora sete vídeos musicais ao programa.

Cunha traxectoria que se remonta a 1973, Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa consolídase como o decano dos certames audiovisuais en Galicia e un referente absoluto para o xénero fantástico e de terror. Máis que un evento estritamente cinematográfico, o Festival Internacional de Cine Fantástico de Galicia constitúe unha experiencia multidisciplinar que transforma a cidade na capital do extraordinario, integrando cine, literatura, cómic e artes visuais nunha proposta cultural única.

A solvencia e calidade do festival están avaladas polas principais institucións do sector. Curtas Festival do Imaxinario é membro oficial da Méliès International Festivals Federation (MIFF), o que lle permite outorgar anualmente o prestixioso premio Méliès d’Argent á mellor curtametraxe fantástica europea. Recentemente, foi recoñecido coa EFFE Label 2026-2027, o distintivo de calidade que outorga a European Festivals Association (EFA) co apoio da Comisión Europea, e figura na exclusiva listaxe de Dread Central como un dos 90 mellores festivais de xénero de todo o mundo. Ademais de ser festival cualificador dos premios Goya e dos premios Fugaz na súa categoría de curtametraxe.

Declarado Evento de Interese Turístico polo Concello de Vilagarcía de Arousa, o festival ofrece cada outono unha coidada selección internacional de longametraxes e curtametraxes, complementada cunha axenda de encontros con creadores de primeiro nivel, exposicións inéditas e obradoiros. En Curtas Festival do Imaxinario, a imaxinación non é só o obxecto da pantalla, senón o motor dunha cita ineludible que celebra o fantástico en todas as súas formas.

Curtas Festival do Imaxinario celebrará a súa 54ª edición do 23 de outubro ao 1 de novembro co apoio institucional do Concello de Vilagarcía de Arousa, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, o patrocinio de De Angeles Films, Rei Zentolo, Acción Cultural Española, DCP Ready, Factoria do Lume, Gadis, Harald House, Mad About Horror e The Post Office.

0.30430316925049