O Festival Imperdible arrinca en Santiago cunha experiencia de improvisación colectiva na praza da Quintana

O Festival Internacional de Improvisación de Galicia, Imperdible, arrinca este xoves, 8 de outubro, en Santiago de Compostela cunha proposta especialmente deseñada para a cidade: Quintana de Vivos Experience. A praza da Quintana transformarase nun escenario de creación colectiva no que as persoas participantes, guiadas a través de auriculares por unha voz, deberán afrontar xogos, retos, movementos e situacións inesperadas.
A experiencia, inspirada nos MP3 Experiments do colectivo neoiorquino Improv Everywhere, converterá o espazo público nun organismo vivo no que o azar, a cidade e a imaxinación darán forma a unha única función irrepetible.
Ata o 18 de outubro, o Imperdible ofrecerá en Santiago unha programación con espectáculos, obradoiros e accións de rúa que explorarán a improvisación desde diferentes disciplinas. Nesta sexta edición, a organización mantén a improvisación teatral como eixo do festival, pero amplía a proposta á música, a danza e a regueifa, cunha programación pensada para públicos diversos e interxeracionais, con especial atención á xente nova.
Entre os nomes desta edición destaca Woman Up!, un espectáculo internacional que reunirá en Santiago a Lucía Veiga, nomeada ao Goya á mellor actriz revelación en 2025 por Soy Nevenka; Susana Sampedro, gañadora do Mestre Mateo á mellor interpretación feminina de reparto en 2024 por Matria; Ana Puerta, da compañía granadina La Tetera, e Paula Galimberti, fundadora de Jamming. A proposta aborda desde o humor e a emoción experiencias compartidas polas mulleres ao longo das súas vidas.
O festival contará tamén coa participación de Miguel Canalejo e Antía Vidal, que impartirán un obradoiro de improvisación baseado no thriller rural para doce improvisadores galegos. O traballo arredor do suspense e das características deste xénero culminará coa representación de Nun lugar onde nunca pasa nada na Sala Capitol.
A programación inclúe ademais a comedia absurda de Ángel Cantizani, da compañía madrileña Al Tran Tran, que presentará Pepino, un espectáculo centrado no proceso de creación dunha obra en directo e nas expectativas e fracasos ligados á creación artística.
A dimensión internacional do Imperdible reforzarase coa presenza de Coqueluje Teatro de Improviso, compañía brasileira colaboradora de Barbixas. O grupo presentará LÁ, unha proposta inspirada no universo literario de As cidades invisibles, de Italo Calvino.
A formación será outro dos piares desta edición, cun total de dez obradoiros impartidos por profesionais da improvisación. Entre as propostas figuran un taller para aprender a improvisar en rima con Víctor Ruíz, membro de Improversados; outro centrado no xesto e o corpo como ferramentas creativas, da man do artista de circo Arturo Cobas, e unha clase de regueifa coa filóloga e cantante Alba María, que permitirá afondar nesta tradición oral galega.
Con esta programación, o Festival Imperdible afronta a súa sexta edición cunha aposta por levar a improvisación máis alá do escenario e achegala a diferentes espazos, disciplinas e públicos durante dez días de actividade en Santiago.