O Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra reunirá figuras internacionais e talento galego do 4 ao 8 de agosto

Os concertos principais celebraranse cada noite, a partir das 22.30 horas, na Praza da Ferraría, mentres que a formación Brass Atlantic levará a música ás rúas do casco histórico con pasarrúas
festival-de-jazz-pontevedra
24 Jul 2026

A Praza da Ferraría volverá converterse este verán no epicentro do jazz e do blues coa celebración da XXXII edición do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra, que se desenvolverá entre os días 4 e 8 de agosto cun programa gratuíto no que convivirán artistas galegos e grandes referentes internacionais do xénero.

A programación foi presentada no Concello polo concelleiro de Festas, Demetrio Gómez, xunto ao representante do Seminario Permanente de Jazz, Paco Charlín, e ao coordinador do festival, José Antonio Ortiz, que destacaron a consolidación dun evento que combina tradición, innovación e unha ampla variedade de estilos musicais.

Os concertos principais celebraranse cada noite, a partir das 22.30 horas, na Praza da Ferraría, mentres que a formación Brass Atlantic levará a música ás rúas do casco histórico con pasarrúas programados ás 20.00 e ás 00.30 horas.

Nesta edición, a escena galega terá un protagonismo especial da man do Seminario Permanente de Jazz, que presentará dous proxectos propios. O primeiro será Layuca, un sexteto integrado por músicos galegos e cubanos que fusiona ritmos afrocaribeños, música cubana e funk. Tamén actuará Juzz, banda encabezada polo guitarrista Virxilio, cun repertorio no que se mesturan blues, rock, jazz e psicodelia, inspirado na sonoridade da década dos setenta.

O cartel internacional contará con destacados nomes do panorama musical. O 5 de agosto subirá ao escenario o trompetista noruegués Nils Petter Molvær, unha das figuras máis influentes do jazz europeo contemporáneo, coñecido por combinar a trompeta coa electrónica e cunha potente posta en escena audiovisual.

A seguinte xornada estará dedicada ao blues e ao soul coa actuación do organista Raphael Wressnig, considerado un dos maiores especialistas europeos do órgano Hammond B3. Compartirá escenario coa cantante estadounidense Gisele Jackson, artista de ampla traxectoria no góspel e que desenvolveu parte da súa carreira como corista de Ray Charles.

O peche do festival correrá a cargo da vocalista Cyrille Aimée, unha das intérpretes máis recoñecidas do jazz actual. A artista, de orixes franco-dominicanas e gañadora dun premio Grammy, ofrecerá un repertorio no que mestura o jazz clásico con influencias caribeñas e interpretacións en francés, inglés e castelán.

Durante a presentación, o concelleiro Demetrio Gómez destacou que o festival forma xa parte da identidade cultural de Pontevedra e salientou a capacidade da programación para reunir propostas moi diversas, desde o jazz máis tradicional ata novas tendencias e sonoridades contemporáneas. Pola súa banda, José Antonio Ortiz subliñou que a esencia desta edición reside precisamente na capacidade do jazz para derrubar fronteiras e conectar estilos musicais diferentes nun mesmo escenario.

0.25840401649475