O festival internacional XOCIVIGA desvela as 24 curtametraxes que competirán na súa sección oficial ‘Xentes’ no Carballiño

O festival dá a coñecer a listaxe definitiva de títulos a concurso, varios deles con estrea en Galicia e en España, de cara á súa celebración do 25 ao 28 de novembro
Presentación Xociviga O Carballiño
9 Nov 2026

O Festival Internacional de Curtametraxes XOCIVIGA fixo pública a listaxe definitiva dos 24 traballos que formarán parte da súa sección oficial ‘Xentes’, na segunda edición do certame, que se celebrará entre o mércores 25 e o sábado 28 de novembro no Auditorio Manuel María do Carballiño.

Entre os títulos confirmados figuran producións españolas como ‘O Corpo de Cristo’, de Bea Lema; ‘Cara de Cona’, de Guillermo de Oliveira, en coprodución con Francia; ou ‘No hay camino’, de Luciana Espinoza Hoempler, realizada xunto a Perú. A selección complétase con traballos de procedencia moi diversa, entre os que destacan ‘Blue Heart’ (Haití e Francia), ‘Delay’ (China e Estados Unidos), ‘Chuuraa’ (Reino Unido), ‘Autokar’ (Bélxica e Francia), ‘God is Shy’ (Francia) ou ‘Praia de Pedra’ (Portugal e Francia).

Varias das obras chegarán ao festival presentando a súa estrea en Galicia, como ‘Allá en el Cielo’, ‘Porkatal’, ‘The End’, ‘Brute’, ‘La Veritat et Rebutja, Cornelius’, ‘Habibi’, ‘The QR Code of Frankeasy’, ‘Oh Boys’ ou ‘Class Photo’. Outros títulos, entre eles ‘City of Owls’, ‘A Wolf in the Suburbs’, ‘Wonderwall’, ‘Thanks for Considering Me’ ou ‘Poster Boy’, proxectaranse como estrea en España. Completan a listaxe ‘Instrucciones para cocinar un pollo bajo tierra’, de Olivia Delcán e Nacho Sánchez, e ‘I Walked Through the Wall’, de Pablo Larcuen, ambas as dúas con participación española.

As 24 curtametraxes repartiranse en oito sesións de aproximadamente unha hora de duración, que terán lugar entre o xoves 26 e o sábado 28 de novembro, con pases ás 17.30, 19.00 e 20.30 horas e entrada gratuíta en todos os casos. O xoves 26 proxectaranse os bloques ‘Xentes I’, ‘Xentes II’ e ‘Xentes III’; o venres 27, ‘Xentes IV’, ‘Xentes V’ e ‘Xentes VI’; e o sábado 28 pecharán a competición ‘Xentes VII’, ás 17.30 horas, e ‘Xentes VIII’, ás 19.00 horas.

2.9912240505219