O Festival Maré presenta en Compostela o cartaz completo da súa edición 2025

O Festival Maré presentou este luns na Sala Capitol o seu cartaz completo para a edición 2025, que terá lugar en Santiago de Compostela entre o 24 e o 28 de setembro. A rolda de prensa contou coa participación da concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, quen destacou que Maré “convértese un ano máis en espazo de encontro, de diálogo, de intercambio e de diversidade”.
Definido como un festival humanizado que entende a cultura como un dereito fundamental, Maré aposta por unha programación que combina respecto pola tradición e innovación, ao tempo que aborda retos sociais como a crise climática, a saúde mental ou a loita contra a violencia machista.
O programa reúne máis de 30 artistas de distintos xéneros e linguas, tanto consolidados como novas voces, e compleméntase con propostas de poesía, danza, comedia, actividades infantís, talleres e un mercado de artesanía.
Entre os nomes máis destacados están Felisa Segade (Leilía) co seu proxecto en solitario no concerto inaugural, precedido de Carabela; Kevin Johansen + Liniers; a nova formación de Aida Tarrío (Tanxugueiras), baixo o nome Gala i Ovidio; o regreso do guitarrista tuareg Bombino; a forza de Bongeziwe Mabandla (Sudáfrica); a unión creativa de Judit Neddermann e Pau Figueres; ou a proposta de Germán Díaz, Benxamín Otero e Vidya Shah.
A presenza galega complétase con Davide Salvado, Sofía Espiñeira, Quico Comesaña ou A Pedreira, xunto con artistas internacionais como Sara Curruchich (Guatemala), El Búho, Leiden, K.O.G., Da Cruz ou Briela Ojeda. O concerto de clausura correrá a cargo da Sol Band (Gaza) e unha frotilha de artistas contra o xenocidio.
Maré reforza tamén a súa vertente profesional, cun encontro que reunirá a 13 profesionais convidados de Marrocos, Bélxica, Francia, Italia, Colombia, Portugal, Eslovaquia e España, favorecendo novas redes de colaboración.
Os escenarios do festival espallaranse por espazos emblemáticos da cidade como a Sala Capitol, Teatro Principal, Igrexa da Universidade, CSC Maruxa e Coralia, Riquela Clube, Casa das Crechas, Praza da Mazarelos ou Praza de Pratería.
Con esta programación, Maré 2025 consolídase como un encontro cultural atlántico que conecta Galicia co mundo a través da música, a palabra e as artes.