O Festival Plataforma de Santiago arranca hoxe a sétima edición e distinguirá a Ana Gesto

Todas as actividades e espectáculos do festival son de acceso gratuíto ata completar aforo
festival-plataforma-santiago
2 Sep 2026

Plataforma Festival de artes performativas inicia hoxe, mércores 2 de setembro, a programación da súa sétima edición, que se prolongará ata o vindeiro domingo 6 de setembro. Durante cinco xornadas, distintos espazos de Santiago de Compostela acollerán un programa dedicado ás artes vivas e ás prácticas performativas contemporáneas, con propostas de performance, danza, música e creación escénica.

A programación comeza hoxe coa estrea en España da nova peza de Olga de Soto na Sala Agustín Magán e coa actuación de Óscar Gómez Mata e Juan Loriente no Observatorio Astronómico da USC, no Campus Sur. Ao longo da semana, o festival continuará percorrendo diferentes espazos da cidade coa participación de artistas procedentes de distintos ámbitos e xeracións das artes vivas.

O xoves 3 de setembro, a programación continúa coa artista María Ruido, que presentará Las reglas del juego na Fundación Eugenio Granell, unha proposta na que volve sobre algunhas das cuestións que atravesan a súa práctica artística arredor da memoria, a construción das identidades e as relacións entre o persoal e o político. A xornada continuará na sede da Fundación SGAE coa bailaora e coreógrafa Leonor Leal, que presentará El lenguaje de las líneas, unha peza na que o corpo, o movemento e o debuxo se encontran para explorar novas formas de escritura e expresión desde a danza.

Como peche desta sétima edición, o domingo 6 de setembro terá lugar a entrega do Premio Plataforma 2026 á artista compostelá Ana Gesto, en recoñecemento á súa traxectoria, dedicación e achega ao ámbito da performance e das artes vivas. O acto celebrarase no Teatro Principal, arredor das 21:00 horas, tras a actuación da compañía Enésima, que presentará ás 20:00 horas a súa peza Transparentar, e contará coa presenza da alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín Rei.

Ana Gesto desenvolve unha práctica artística situada na confluencia entre a performance, o vídeo e a fotografía, incorporando tamén linguaxes e elementos escultóricos. O seu traballo caracterízase por unha forte dimensión social e simbólica e por unha investigación continuada arredor do corpo, do territorio, da memoria e do cotián. A súa traxectoria converteuna nunha das figuras destacadas da performance.

En palabras dos directores de Plataforma, Mónica Maneiro Jurjo e Iñaki Martínez Antelo: “Con este premio queremos recoñecer non só a traxectoria de Ana Gesto como unha das artistas que contribuíron de maneira continuada ao desenvolvemento da performance en Galicia, senón tamén unha forma de entender a práctica artística profundamente ligada ao corpo, ao territorio, á memoria e ao cotián. Ana fai da performance un espazo de investigación, pero tamén de encontro e de transmisión. Para Plataforma é especialmente importante recoñecer unha artista compostelá que acompañou o festival durante varias edicións e que comparte connosco unha maneira de entender as artes vivas en relación directa coa cidade e coas persoas que a habitan”.

Plataforma está organizado pola Cooperativa Performa, dirixida por Mónica Maneiro Jurjo e Iñaki Martínez Antelo, e conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela, a través da Concellaría de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica, e do Ministerio de Cultura. Colaboran así mesmo a Fundación DIDAC, a Fundación Eugenio Granell, a Fundación SGAE, o Museo do Pobo Galego e o Observatorio Astronómico da Universidade de Santiago de Compostela, co apoio de Pro Helvetia e Corodis.

Todas as actividades e espectáculos do festival son de acceso gratuíto ata completar aforo.

0.33333492279053