O film María Rita recibe tres premios no Festival de Cans

O Festival de Cans pechou o sábado a súa XXIII edición cunha das xornadas máis concorridas do certame, marcada pola visita do director Julio Medem, a competición oficial de curtametraxes e a Gala Final de Premios, que recoñeceu traballos de ficción, animación e non ficción, consolidando o festival como escaparate do cinema emerxente.
A gran triunfadora da noite foi María Rita, de Juan Barbazán, que se fixo con tres recoñecementos: o premio á Mellor Curtametraxe de Ficción, o galardón á Mellor Dirección de Fotografía e o Premio do Xurado das Veciñas e Veciños.
O xurado da sección oficial distinguiu María Rita como Mellor Curtametraxe de Ficción “por ser unha peza dunha gran coherencia estética que amosa dun xeito cru e directo unha realidade que lle é allea a moita xente pero que existe, e ao mesmo tempo está tratada con delicadeza, honestidade e respecto”.
A curta sumou tamén o premio á Mellor Dirección de Fotografía por unha proposta visual que destaca “por ter unha estética moi traballada que reforza unha crueza moi palpable, acompaña e vehicula a historia, e apoia a forza narrativa do relato”. Pola súa parte, o Xurado das Veciñas e Veciños decidiu premiar a curtametraxe “polo xeito de transmitir unha realidade triste que ás veces non queremos ver”.
O premio á Mellor Dirección foi para Paula Pereira por Algo novo que contar, unha obra recoñecida “por observar con empatía a dúas personaxes nun proceso vital transcendental cunha mirada delicada e sutil que fai que queiras entrar no seu mundo”. A obra tamén gañou na categoría interpretativa feminina, para Grial Montes e Lidia Veiga, actrices protagonistas. O xurado destacou “o enriquecemento mutuo e o equilibrio a través dun traballo actoral de escoita, sostendo de forma maxistral os silencios, e dando como froito unha interpretación contida, concreta e sensible”.
O premio á Mellor Interpretación Masculina foi para Nancho Novo por Cara de cona, “por conseguir en pouco tempo unha interpretación magnética e ser capaz de soster un primeiro plano dun xeito arrebatador, dando como resultado un momento cinematográfico memorable dos que permanecen no recordo do espectador”.
O premio ao Mellor Guión foi para David Fidalgo por Lucus, unha proposta que o xurado definiu como “unha aposta moi ao marxe do habitual: fresca, imaxinativa, gamberra e xenuína”.
No apartado de Animación, o premio principal foi para O corpo de Cristo, de Bea Lema, recoñecido “por contar dun xeito audaz unha historia sobre saúde mental, un tema que nos afecta a todas, e facelo dun modo tecnicamente innovador, acorde ao relato”. O xurado destacou ademais a capacidade da directora para “tecer dun xeito delicado varias cuestións que lle plantea ao espectador cunha execución maxistral”. A obra sumou tamén o premio á Mellor Banda Sonora para Paloma Peñarrubia, valorada “por estar perfectamente integrada na peza e facer crecer narrativamente a historia, e pola súa sutileza, sen subliñar emocións á vez que as acompaña”.
Na mesma categoría, Cátodo corazón, de Manu Sacoga, recibiu unha mención especial “pola orixinalidade do formato dun proxecto que non é sinxelo pero ao mesmo xeito se fai cautivador”.
Na sección Furacáns (Non Ficción), o premio principal foi para Escala un cincuenta mil, de Ángel Suances, recoñecido “pola súa sutil e atmosférica construción da memoria a través do movemento, os fragmentos e unha deriva emocional”.
O xurado da sección concedeu ademais unha mención especial a Furada Negra, de Berio Molina, “por converter o son nunha forma de escavación que revela ecos, lendas e violencias enterradas que habitan a paisaxe subterránea”.
No apartado Novas Camadas, destinado a novas creadoras e creadores, o premio principal foi para Ausencia, de Gema Rodríguez, “por dar forma ao duelo cunha delicadeza e unha claridade emocional extraordinarias a través de fragmentos de memoria, transformando o arquivo familiar nun espazo vivo de amor, loito e resistencia ao esquecemento”. A obra recibiu tamén o Premio do Xurado da Mocidade “pola forma de transmitir a emoción da falta dun ser querido e por expresala a través de vellas imaxes do arquivo familiar, buscando unha narración arriscada e diferente”.
A sección Novas Camadas incluíu ademais unha mención especial para El columpio, etc, de Silvia Martínez, “por asumir riscos na súa aposta formal e empregar diferentes dispositivos orientados a unha mesma idea, xogando coas nocións máis clásicas da linguaxe cinematográfica”.
O Xurado da Mocidade concedeu tamén unha mención especial a O mar é o meu chan, de Xoán Vázquez, “polo descubrimento para as xeracións máis novas da historia dos pioneiros do surf en Galicia e pola maneira de unir o pasado e o presente”.
Julio Medem protagoniza o Coloquio na Leira
Un dos momentos máis destacados da xornada produciuse tamén no tradicional Coloquio na Leira, onde Julio Medem avanzou publicamente o desenvolvemento dun novo proxecto cinematográfico.
“Agora mesmo estou movendo proxectos. Hai unha nova película sobre dous pelotaris vascos, Jai Alai”, explicou o director, antes de engadir: “Dinme que se anuncio aquí a película, vaise facer. Ídesme dar sorte para que dentro dun ano, en 2027, empece a rodarse?”
O director destacou ademais o carácter singular do festival: “Isto non se pode comparar con nada”, afirmou durante un coloquio no que reflexionou tamén sobre o futuro do cinema de autor e as dificultades actuais para financiar proxectos independentes.
Medem sumouse así á tradición do Festival de Cans de converterse nun espazo onde cineastas presentan futuros proxectos. Durante o encontro lembrouse que realizadores como Rodrigo Sorogoyen ou Oliver Laxe avanzaran tamén no festival títulos que posteriormente chegaron ás pantallas.
O director vasco destacou ademais o carácter singular do certame: “Faláranme bastante deste festival, pero non hai nada como chegar aquí e decatarse de que supera todo o que podías imaxinar. Isto non se pode comparar con nada.”
A xornada incluíu tamén concertos, retrospectivas dedicadas ás figuras homenaxeadas nesta edición e actividades paralelas, antes dunha Gala Final que puxo fin a unha edición marcada pola afluencia multitudinaria de público e pola consolidación do Festival de Cans como punto de encontro entre creadoras, creadores e espectadores.