O FIOT celebra 35 anos con 43 espectáculos e grandes nomes da escena en Carballo

O Festival Internacional Outono de Teatro desenvolverase do 23 de setembro ao 31 de outubro baixo o lema 'Colapso: Cando todo cae, ven ao teatro' e contará con oito estreas absolutas e nove en Galicia
FIOT odisea
5 Sep 2026

Carballo volverá ser durante cinco semanas un dos grandes puntos de encontro das artes escénicas en Galicia coa celebración da 35ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT). A programación desenvolverase do 23 de setembro ao 31 de outubro e reunirá 43 espectáculos, oito estreas absolutas e nove estreas en Galicia, procedentes de España e Portugal.

A nova edición foi presentada no Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo e chega baixo o lema 'Colapso: Cando todo cae, ven ao teatro'. A organización propón abordar desde o escenario un contexto marcado pola incerteza, a crise económica e ambiental, os conflitos e a dificultade de acceso á vivenda, pero tamén entende o colapso como unha oportunidade para cambiar e reconstruír.

O cartel reúne unha destacada representación da escena actual, con nomes como Andrés Lima, Alba Flores, Gloria Muñoz, Chévere, Mofa e Befa, María Velasco, Titzina, Companhia do Chapitô, Carles Sans ou Rafael Álvarez, El Brujo.

Entre as propostas máis destacadas están 'ICTUS (anatomía de 'A derradeira leición' de Castelao)', de Chévere; 'Las gratitudes', con Gloria Muñoz; 'Libres!!!', de Esther Carrodeguas, dirixida por Andrés Lima e protagonizada por Alba Flores; 'Vendrán los alienígenas y tendrán tus ojos', de María Velasco; e 'Disección de la bondad en tres actos', de Titzina. O festival pecharase o 31 de outubro con El Brujo e a estrea en Galicia de 'La segunda venida de Cristo o el yoga de Jesús'.

O FIOT contará ademais con programación para diferentes públicos a través do OTNI, a Rúa dos Contos, o Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, FIOTeen, FIOTiño e o Certame de Micro-Escenas M2, que chega á súa décima edición.

A organización tamén aproveitará esta edición para recoñecer a traxectoria de Antonio Porteiro, responsable técnico do festival durante os últimos 25 anos, que recibirá o premio Xograr de Outono 2026. O galardón pretende poñer en valor tanto a súa carreira como o traballo dos equipos técnicos que fan posible cada espectáculo.

Os bonos estarán dispoñibles desde o 14 de setembro para as persoas abonadas de Telón e Aparte e as entradas para o público xeral poderán adquirirse a partir do 18 de setembro. As da Rúa dos Contos sairán á venda tamén o día 14.

Organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e o Concello de Carballo, o FIOT suma xa 35 edicións desde o seu nacemento en 1992 e consolídase como unha das grandes citas das artes escénicas do outono galego.

0.33255410194397