O FIOT selecciona as seis propostas finalistas da décima edición do Certame Micro-Escenas M2

As pezas, cinco delas estreas absolutas, poderán verse en outubro en espazos non convencionais de Carballo durante a 35ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro
planeta-pop-fiot
Planeta Pop Fiot
11 Aug 2026

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) xa ten seleccionadas as seis propostas que competirán na décima edición do Certame Micro-Escenas M2. O xurado escolleu estes espectáculos experimentais de pequeno formato entre as 25 propostas presentadas, cinco das cales serán estreas absolutas.

As pezas finalistas son wOHrk, de Iván Dávila; A vinganza contra o Dr. Tirarrollas, da Compañía Humana; Fogar, de La Tercera; A casa do avó, de Candil Teatro; A vergonza era verde e comeuna a vaca, de Alicia López Méndez; e Planeta pop: a alien que se converteu en superestrela, de Aterradas. As propostas empregan linguaxes e disciplinas diversas, entre elas o clown, o teatro de obxectos, o teatro de máscaras, a danza, o teatro físico e o teatro de actor.

O xurado profesional desta edición estivo composto por Caterina Varela, artista, comisaria e xestora cultural e directora das Residencias Paraíso do Colectivo RPM; Gustavo del Río, director, dramaturgo e xestor cultural; Alba Bermúdez, actriz e codirectora da compañía Galeatro; Carmen Castro, directora artística do FIOT e xefa do Servizo de Cultura do Concello de Carballo; e Xiana Márquez, integrante da organización do FIOT e monitora cultural da Concellería de Cultura do Concello de Carballo, que exerceu como secretaria do xurado sen voto.

O xurado destacou que “esta décima edición do Certame de Micro-Escenas M2 continúa reafirmando o seu compromiso coas artes vivas, coa investigación de novas linguaxes, coa exploración de novos formatos e co impulso de compañías e creadores emerxentes. É un laboratorio aberto para experimentar cos límites do teatro e expandir as súas formas”.

O Certame Micro-Escenas M2 é unha iniciativa de teatro de proximidade, a primeira destas características creada en Galicia, que busca dar visibilidade a novos formatos e experiencias escénicas e apoiar o traballo de compañías e creadores emerxentes.

As seis pezas poderán verse durante as fins de semana do #FIOT35, no mes de outubro, en diferentes espazos non convencionais de Carballo. As representacións ocuparán a conserxería do Pazo da Cultura, a pastelaría Zuccaro, o Xardín Rosalía de Castro, a tenda de segunda man Buy & Sell, a tenda de calzado barefoot Upa! e a tenda de roupa infantil Sweet Spirit.

A entrada será libre ata completar a capacidade de cada espazo. Debido ás limitacións de aforo, a organización recomenda realizar unha reserva a través do enderezo fiot.microteatroentrada@gmail.com unha vez que se anuncie a programación do #FIOT35, prevista para setembro.

A proposta do certame aposta por levar o teatro a lugares da vida cotiá e achegar os intérpretes ao público, creando experiencias de pequeno formato nas que a proximidade se converte nun dos elementos fundamentais da representación.

As seis pezas finalistas recibirán unha compensación económica de 500 euros. Ademais, durante a celebración do FIOT optarán aos premios de Mellor Espectáculo e Mellor Interpretación, que serán concedidos polo público ao finalizar o evento e estarán dotados con 150 euros cada un.

0.24392604827881