O fondo documental do Pazo de Andoade incorpórase ao Arquivo Histórico da USC

Os fondos documentais do Pazo de Andeade (Touro, A Coruña) así como o traballo de investigación realizado por Benito José Vázquez Permuy, señor do pazo, sobre a historia familiar incorpóranse dende este luns ao Arquivo Histórico da Universidade de Santiago. A doazón tivo lugar nas instalacións do propio arquivo universitario nun acto no que participaron a reitora da USC, Rosa M. Crujeiras; a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio, Ana Cabana; a directora do Arquivo Histórico, Desirée Domínguez; e María Alejandra e Raimundo José Vázquez López, fillos de Benito José Vázquez e doadores do fondo.
Este fondo familiar está conformado por documentación nobiliaria dos séculos XVIII e XIX e un debuxo dun plano da propiedade de Andeade; documentación nobiliaria dos séculos XVI ata principios do s. XX de carácter patrimonial, administrativo, xenealóxico e persoal das distintas liñaxes familiares vinculadas ao pazo de Andeade; tres árbores xenealóxicas de grande formato e o traballo de investigación realizado por Benito José Vázquez Permuy sobre a historia familiar desde as súas orixes, que contén copias de documentos de varios arquivos, fotografías e apuntamentos históricos realizados como material para un libro que non se chegou a publicar.
Para a directora do Arquivo esta documentación nobiliaria ten un notable valor para a investigación sobre a historia de varias liñaxes galegas: Andeade, casa e morgado de Leiro Grande, Casa Torre e Fortaleza de Castrobasto de Sar (Bama). Pero ademais, “coa súa custodia e posta a disposición para o seu estudo e análise, estase a contribuír á correcta preservación dun fondo documental que, sen ter chegado a nós dunha maneira íntegra, constitúe a única agrupación documental existente sobre a historia da familia”.
A doazón contén tamén documentos que testemuñan o vínculo de antepasados da familia coa Universidade de Santiago de Compostela como, por exemplo, o de Joaquín Verea y Aguiar, que ademais de xuíz da xurisdición de Budiño foi doutor en xurisprudencia, e mediante distintas proposicións (hoxe en día enmarcadas) como as de Jacobo José Aguiar y Mella, Manuel Sánchez y Núñez e Francisco Otero Porras que demostran de maneira patente o seu respectivo paso pola institución.
Neste sentido, merece unha mención especial a documentación existente sobre Benito
María Hermida y Verea (Santiago de Compostela, 1825-1905) por tratarse dun coñecido político galego vinculado moi estreitamente ao monterismo. Fillo de Humberto Ramón de Hermida Bazán e María del Pilar Verea de Aguiar San Mamede, foi señor das casas de Andeade, Cumeiro, Leiro Grande, Osebe, Loureiro, Salmonte e Rosende, ademais de alcalde de Touro en 1857, deputado polo distrito de Arzúa e senador pola provincia da Coruña durante varios anos. Dirixiu tamén a Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, e foi recoñecido como cabaleiro da Real Orde de Carlos III e distinguido coa Gran Cruz de Isabel a Católica.
Finalmente, xunto ao fondo nobiliario, a doazón tamén contempla a entrega do traballo de investigación realizado por Benito Vázquez Permuy, consistente en 251 unidades de instalación que acollen a compilación documental realizada durante anos para unha publicación sobre a historia da familia que finalmente non chegou a ver a luz pero que ten interese, en todo caso, polo traballo que deixou avanzado e as fotografías ilustrativas que realizou durante o proceso.