O fonsagradino Antón Santamarina recibe o Premio Porteiro Garea da USC

O catedrático emérito agradeceu o recoñecemento, “que non creo merecer”, concedido por un xurado que o considera unha das figuras máis destacadas da lingüística galega contemporánea
anton-santamarina-premio-garea-usc
17 Sep 2026

O catedrático emérito de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago de Compostela Antón Santamarina Fernández, naturual de A Fonsagrada, recolleu este mércores o IX Premio Porteiro Garea, que a Universidade compostelá lle concedeu por ser “unha das figuras máis destacadas da lingüística galega contemporánea que xogou un papel esencial no coñecemento do estado da lingua galega e das súas variantes, e tamén no establecemento da súa forma culta actual”.

O acto de entrega estivo presidido pola reitora Rosa Crujeiras e nel tamén participaron o profesor Xosé Luís Regueira, membro do Instituto da Lingua Galega (ILG), que leu a laudatio; a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio, Ana Cabana, e o responsable do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala.

Antón Santamarina dixo sentirse “un pouco sorprendido e confuso por este recoñecemento para o que no estou á altura dos meus predecesores pois no meu caso, se algo fixen pola defensa do galego na Universidade ou polo avance no seu coñecemento como disciplina é porque pertencín ao Departamento de Filoloxía Románica, despois ao de Filoloxía galega e tamén, simultaneamente ao ILG; era a miña obriga promover o seu uso e dedicarme ao seu estudo; recibía un soldo por iso”.

No seu discurso, Santamarina fixo un percorrido pola súa traxectoria construído a través dun compendio de obras nas que ou ben colaborou ou ben dirixiu ou coordinou, aínda que deixou claro que “o meu traballo sería imposible sen a axuda dos colaboradores, maiormente bolseiros”. Dende os manuais cos que se iniciaron as publicacións do ILG, Galego 1 (1971) Galego 2 (1972) e Galego 3 (1974), ata unha obra propia, “inacabadísima”: un dicionario descritivo do galego moderno que comezou pola letra C (cunhas 13.000 entradas) e que agora vai pola D, un proxecto que -dixo- lle gustaría fose continuado por xeracións vindeiras.

Cunha mención especial á figura de Constantino García, Santamarina remataba o seu discurso cun agradecemento: “Desde o ano 1961 (van aló 65 anos) esta Universidade foi a miña casa; pasei nela moitas horas diarias; aprendín moito tanto dos mestres como dos colegas. En realidade son eu quen lle debe estar agradecido á Universidade de Santiago e non ao revés”.

Da modestia do profesor Santamarina falaron nas súas intervencións tanto a reitora como o profesor Regueira. “Quen dedicou toda a súa vida a un traballo orientado ao colectivo, á lingua e, en definitiva, ao país, non ten especial interese en ser el mesmo o protagonista, aínda que o mereza”, dixo a reitora, para quen “con este premio estamos a dicir ás persoas máis novas que o esforzo, o compromiso, o coñecemento e a responsabilidade merecen ser recoñecidos”.

Lembrou a reitora a traxectoria do premiado, “profundamente ligada ao estudo, á defensa e á dignificación da lingua galega”. “A súa vida fala -dixo- dunha persoa que fixo do coñecemento unha forma de compromiso co país e coa súa cultura. Ao longo da súa carreira, o seu labor contribuíu, e segue contribuíndo a día de hoxe, desde institucións como o ILG e a Real Academia Galega, a que a lingua galega fose estudada con rigor, preservada con criterio científico e transmitida ás novas xeracións como o que realmente é: unha parte esencial do noso patrimonio, da nosa cultura e da nosa maneira de estar e comprender o mundo”.

“Antón non buscou nunca protagonismo, ben ao contrario, e por iso sei o incómodo que este acto é para el”, dixo no acto o profesor Regueira, para quen é “máis que merecido e un acto de xustiza, porque o seu afán estivo sempre orientado ao traballo para a lingua, a cultura e a nación galega”. “Ese compromiso ético e político foi a constante da súa vida académica e tamén persoal”, sentenciou.

O xurado desta novena edición estivo presidido pola reitora Rosa M. Crujeiras Casais e composto ademais pola vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio, Ana Cabana Iglesia; o director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala; Elena Freire Paz, representante da Comisión de Normalización Lingüística do Claustro; e Marta Irene Lois González e Mar Pérez Fra, representantes das comisións de normalización lingüística dos campus de Santiago e Lugo, respectivamente.

Antón Santamarina

Santamarina foi fundador e tamén director do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago. Dende o ano 1998 é membro da Real Academia Galega, onde coordina o seminario de Onomástica, e foi tamén secretario do Consello da Cultura Galega (1976-1991) e dirixiu a revista Verba. Anuario galego de filoloxía (2010-2012).

Especializado no eido da lexicografía, a actividade investigadora do profesor Santamarina abrangue tamén a gramática, a sociolingüística, a historia da lingua, a etimoloxía, a toponimia, a dialectoloxía e a didáctica.

É ademais coautor do Atlas Lingüístico Galego e responsable, xunto con Manuel González González, do Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (1989), o VOLGa, que estableceu o corpus léxico sobre o que se basean a práctica totalidade dos dicionarios galegos actuais. Tamén codirixiu o Dicionario da Real Academia Galega e foi o editor do Dicionario de dicionarios (2003), que permite consultar simultaneamente todas as definicións dunha palabra ao longo do tempo nos diversos dicionarios publicados en lingua galega. Dirixe así mesmo o Tesouro Informatizado da Lingua Galega, TILG, que compila as entradas de máis de tres mil documentos en galego entre 1612 e 2013, cun total de trinta catro millóns de formas gráficas.

Antón Santamarina é ademais coautor, canda Dorothé Schubarth, do Cancioneiro popular galego (Fundación Barrié, 1984-1988). Esta obra en sete volumes, considerada o máis amplo repertorio da música popular de tradición oral do país, reúne pezas recollidas en máis de cen lugares de fala galega pola musicóloga suíza entre 1978 e 1983. A colección mereceu o premio da Crítica Galicia na categoría de Música (1985).

Premio Porteiro Garea

Co Premio Luís Porteiro Garea a USC quere distinguir a iniciativa, o traballo ou a traxectoria daquelas persoas, entidades ou colectivos, tanto actuais como pasadas da propia universidade compostelá que contribuíran á normalización da lingua galega na propia USC.

Este galardón recoñeceu xa a traxectoria na promoción do galego na USC de Manolo Bermejo, José Antonio Gómez Segade, Antón Costa, Antonio Rigueiro, Xosé Manuel Beiras, Margarita Ledo Andión, Marilar Aleixandre e Concha Losada e faino lembrando a figura de Luís Porteiro Garea, profesor de Dereito Civil que pronunciou en 1915 a primeira lección en galego nesta Universidade.

0.23746800422668