O friolés Xerardo Quintiá gaña a XXIV edición do Premio de Poesía Afundación

O galardón, que implica a publicación do libro na colección «Arte de Trobar» e unha dotación económica de 7000 euros, comezou o seu percorrido no ano 2002
premio-xerardo-quintia-afundacion
30 Sep 2026

O friolense Xerardo Quintiá gaña, co poemario Os cantos a Minha Senhor de Donsinda Christensen e baixo o lema «Cantos a Minha Senhor», a XXIV edición do Premio de Poesía Afundación, que a entidade convoca xunto ao Centro PEN de Galicia co patrocinio da Xunta de Galicia, á que se presentaron nesta edición un total de 46 obras inéditas. A resolución do xurado, presidido por Luís González Tosar, con Inés Mosquera Calvo como secretaria e vogal, e integrado por César Lorenzo Gil, Teresa Seara e Ismael Ramos Castelo, tivo lugar ás 18.30 h na Sede Afundación Santiago de Compostela (rúa do Vilar, 19). No acto estiveron presentes, ademais dos membros do xurado, Anxo Lorenzo Suárez, director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, e Pedro Otero, director xerente de Afundación.

O xurado considerou que este «é un poemario que parte dunha exploración culturalista encamiñada cara a asuntos de actualidade cunha ollada crítica. Cara ao final da obra emerxe un telurismo en que o corpo se integra na natureza. A obra destaca polo seu ritmo coidado e o traballo innovador co verso, introducindo elementos gráficos pouco habituais que en ocasións amplían o significado».

Pola súa banda, Pedro Otero, director xerente de Afundación manifestou o seu convencemento da necesidade de manter un premio, que é xa un referente do panorama literario galego. «As persoas gañadoras nas últimas edicións coinciden en destacar que o Premio de Poesía Afundación é considerado como a gran distinción deste ámbito en Galicia e para nós é todo un orgullo sermos valorados de maneira tan salientable por profesionais das letras de tan destacado nivel. E debo dicir que esa valoración é, honestamente, moi certeira, porque ao longo destas máis de dúas décadas este foi o noso propósito: consolidar este galardón e convertelo nun certame que actuase como catalizador da riqueza creativa na nosa poesía».

Mentres, Anxo Lorenzo destacou « a solidez dun premio coma este, que é un faro dentro do ámbito literario galego que, hoxe en día, está vivindo un momento extraordinario cunha canteira sobranceira. O incremento de presentación de orixinais tan notable nestes últimos anos, e de tan boa calidade, como sinala o xurado, é unha grandísima noticia para as nosas letras».

O PREMIO

O galardón, que implica a publicación do libro na colección «Arte de Trobar» e unha dotación económica de 7000 euros, comezou o seu percorrido no ano 2002 a instancias do PEN Club de Galicia e de Afundación. No seu elenco de gañadores figuran poetas galegos como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Vale Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela, Miguel Anxo Fernán Vello, Olalla Cociña, Estíbaliz Espinosa, Gonzalo Hermo, Miguel Sande, Medos Romero, Ledicia Costas, Rafa Vilar, Miguel Rodríguez Monteavaro e Xosé Miranda Ruíz, gañador da anterior convocatoria.

O premio, que celebra a súa décimo terceira edición, conta co apoio e a participación da Xunta de Galicia, cuxa implicación no proxecto garante a estabilidade do galardón e contribúe a preservar esta cita de referencia na axenda cultural galega, á vez que estimula a creación literaria. Afundación e o Centro PEN de Galicia, tras dúas décadas de implicación e compromiso coa poesía e coa literatura galega, continúan traballando por un xénero indispensable que, aínda que minoritario, serve de alicerce para a consolidación da renovación estética e para a normalización da lingua galega.

0.31264805793762