O futuro das plantas de Losán en Curtis e Vilasantar queda pendente da decisión xudicial

A compañía asegura apoio suficiente ao seu plan de reestruturación, que prevé pagar os salarios pendentes, reordenar a débeda e recuperar actividade industrial de forma progresiva
VILASANTAR empresa losan (1)
27 May 2026

O futuro de Losán entra nunha nova fase decisiva para as plantas de Curtis e Vilasantar. O grupo madeireiro conseguiu un apoio que considera suficiente por parte dos acredores ao seu plan de reestruturación e queda agora á espera de que o xulgado emita o auto de homologación que permitiría poñer en marcha a folla de ruta coa que a empresa busca evitar o concurso de acredores.

A situación mantén en vilo ás arredor de 200 persoas traballadoras vinculadas aos centros galegos de Curtis, Vilasantar e A Coruña. Nas últimas semanas, a representación social advertía da falta de información sobre o futuro da compañía e dos impagos acumulados, nun conflito que levou á plantilla a mobilizarse para reclamar o cobro das nóminas e garantías reais de continuidade.

A principal novidade é que a empresa xa comezou a aboar parte da débeda salarial. Segundo a información trasladada no proceso, o persoal recibiu o ingreso dunha das mensualidades pendentes, aínda que o plan contempla saldar de forma íntegra os salarios atrasados unha vez que a reestruturación poida activarse.

O plan presentado por Losán inclúe unha forte reordenación financeira. A débeda total do grupo supera os 600 millóns de euros e a proposta recolle unha quita do 95% para a débeda ordinaria e do 100% para a subordinada. Pola contra, as débedas con carácter privilexiado non terían quita, aínda que si serían reestruturadas. Os socios comprometerían ademais unha achega de 10 millóns de euros.

A folla de ruta tamén prevé a venda de activos, entre eles a fábrica de Zamora e outros bens no estranxeiro, mentres que para o resto de centros industriais se formula unha recuperación progresiva da actividade. O calendario deseñado pola compañía fala de dúas fases de doce meses: unha primeira para acadar o 50% da produción histórica e unha segunda para tentar chegar aos niveis máximos de actividade.

No caso de Curtis e Vilasantar, a clave será comprobar como se concreta esa reactivación nas instalacións galegas. A comarca leva meses pendente dun plan que dea estabilidade ao emprego directo e tamén ao tecido auxiliar ligado á madeira, ao transporte, aos servizos e á actividade forestal. Alcaldes de distintos concellos do interior coruñés xa advertiran do impacto económico e social que tería unha caída definitiva do grupo.

A crise de Losán tamén chegou ao debate institucional. O Parlamento galego pediu ao Goberno central un plan de viabilidade para o grupo e instou á Xunta a reunirse coa representación dos traballadores. Nesa iniciativa lembrábase que a situación afectaba a uns 200 empregos, con 66 en Curtis, 90 en Vilasantar e 30 na Coruña.

A pesar do avance que supón o respaldo ao plan e o primeiro pagamento dunha nómina, a incerteza non desaparece. A última palabra tena agora o xulgado, que deberá decidir se homologa a proposta. De saír adiante, abrirase unha nova etapa para tratar de recuperar a actividade e regularizar a situación do persoal. Se non prospera, o escenario volvería complicarse para unha das compañías máis relevantes do sector da madeira no interior da provincia.

0.29389786720276