O galego Manuel Quintana Martelo expón en Bilbao 68 acuarelas sobre o Camiño de Santiago

A mostra xirará por Galicia no ano xacobeo de 2027, recalando nas sedes de Afundación en Vigo, Ourense, Santiago e A Coruña
exposicion-miradas-do-camino-bilbao
18 Jun 2026

O pintor galego Manuel Quintana Martelo inaugurou en Bilbao unha exposición de acuarelas sobre o Camiño de Santiago. Ao acto de apertura da mostra na céntrica Sala Ondare asistiron, ademais do propio artista, o director xeral de Cultura –Anxo Lorenzo–, a directora xeral de Cultura da Diputación Foral de Bizkaia –Begoña de Ibarra– e a directora da sala de exposicións –Alicia Fernández–.

Miradas do Camiño, tal como se chama a mostra, está composta por 68 acuarelas, “todas do mesmo formato”, que conforman unha exposición a modo de libro aberto. Recolle o percorrido persoal de Quintana Martelo polo Camiño Francés, desde Saint-Jean-Pied-de-Port a Santiago, pero tamén dos Camiños do Norte e Primitivo, así como as entradas en Galicia polas rutas portuguesa, inglesa, a Vía da Prata, Fisterra-Muxía, as Rías Baixas… “É un proxecto iniciado en 2012 e almacenado no tempo que se verá recollido na edición dun libro de autor. O meu pretexto ou fío condutor foi a frecha amarela, creada por Elías Valiña, fuxindo dos tópicos clásicos paisaxísticos e os grandes monumentos, no canto do máis íntimo e na procura do sentimento do Camiño e a ruta do peregrino”, tal como explica Quintana; un traballo, engade, que responde ao seu modo de entender a pintura coa propia viaxe dentro de cada obra. “A idea é o contraste do elemento gráfico e o plan abstracto e conceptual a modo de díptico que conforma a mesma unidade artística”, segundo destaca.

A itinerancia da mostra iniciouse en maio na localidade francesa de Saint Jean (Musée Prison des Évèques), agora está en Bilbao, en outubro irá a Burgos, e xirará por Galicia no ano xacobeo de 2027, recalando nas sedes de Afundación en Vigo, Ourense, Santiago e A Coruña.

0.48407292366028