O Galegote regresa a Pontevedra o 24 e 25 de abril cun cartel que reivindica a forza da música en galego

O festival Galegote regresará a Pontevedra os vindeiros 24 e 25 de abril cunha nova edición que volverá encher de música en galego os locais e prazas da cidade. O evento foi presentado este martes 25 de marzo polo concelleiro de Cultura e Normalización Lingüística, Demetrio Gómez, e polo promotor Marcos Rivas, da produtora Jack Jack.
Durante a presentación, Gómez destacou a importancia do regreso dun festival que definiu como un dos “buques insignia” da programación cultural pontevedresa. Segundo explicou, tras un pequeno parón, o Galegote recupera o seu espírito orixinal nun “momento moi doce da música galega”, cunha edición que busca conectar a escena local coa doutros puntos do país.
O edil sinalou ademais que a proposta deste ano combina artistas xa consolidados con proxectos emerxentes, ofrecendo unha panorámica ampla da creación musical actual en galego. “Demostra que somos unha cultura viva e que temos unha escena moi potente”, subliñou.
Pola súa banda, Marcos Rivas puxo en valor o papel do Galegote como plataforma para visibilizar novas bandas antes de dar o salto a festivais de maior formato. O promotor destacou o bo momento que vive a música feita en Galicia, cunha nova xeración de artistas que está a encher salas tanto dentro como fóra da comunidade e que se move entre estilos moi diversos.
O cartel desta edición de 2026 reflicte precisamente esa variedade. Entre as propostas confirmadas figuran nomes da música urbana como Kid Mount, artista compostelán considerado unha das revelacións do xénero, e Montedapena. Tamén haberá espazo para o indie, o rock e o pop con bandas como Michu da Rocha, Portosanto, Chicharrón, Dogo, Law e Flip Corale.
A programación completarase con outras propostas de formato máis íntimo ou vinculadas a sonoridades diferentes, como o concerto acústico de Eladio y los Seres Queridos, o blues e jazz de Allada e a escolma musical da Duendeneta Dilleis, que fará un repaso por temas galegos desde os anos 50 ata a actualidade.
Os concertos desenvolveranse en formato de ruta por distintos espazos da cidade, favorecendo a proximidade co público. Entre os escenarios desta edición estarán A Gramola, O Diáño, La Verbena, A Pomada, O Chato, A Nasa e o Campiño de Santa María.
Desde a organización avanzaron que os horarios detallados das actuacións se darán a coñecer nos vindeiros días, unha vez se pechen os últimos axustes de produción.
Ademais, o Galegote 2026 estreará unha nova identidade gráfica, deseñada polo equipo pontevedrés Culebra Estudio. A nova imaxe renova a estética do festival, mantendo ao mesmo tempo a icónica lingua que caracterizou edicións anteriores.