O Galician Freaky Film Festival regresa a Vigo con 74 curtas e 65 estreas

O festival internacional de cine freak e fantástico Galician Freaky Film Festival (GFFF) inicia hoxe en Vigo a súa novena edición, que se prolongará ata o 27 de setembro cunha programación récord: 74 curtametraxes procedentes de 34 países, das cales 65 serán estreas en Galicia. O certame, que se celebra nos cines Tamberlick, conta co apoio da Xunta de Galicia a través das subvencións da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para festivais audiovisuais, cun investimento total de 300.000 euros en dez mostras estratéxicas para o sector.
Na inauguración participou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, quen destacou a especialización en xéneros e formatos destes certames, así como a calidade da programación do GFFF. Subliñou tamén a importancia do homenaxe ao actor vigués Luis Barboo (1927-2001), recoñecido polo seu papel en Conan, o bárbaro e pola súa extensa traxectoria no spaghetti western e no fantaterror español.
A edición inclúe unha sección oficial con 12 bloques temáticos, que van do suspense psicolóxico ao body horror, pasando polo cinema experimental, as propostas cómicas ou o surrealismo visual. Entre as citas máis destacadas está a Corman Night, dedicada ao cineasta Roger Corman, e a clausura co clásico musical-horror The Rocky Horror Picture Show, referente da cultura camp.
Entre as actividades paralelas figuran o PequeFreak, con proxeccións e talleres dirixidos ao público infantil e xuvenil, a Feira Fantástica e Freak de Galicia ou un concurso de banda deseñada. O 23 de setembro terá lugar o homenaxe a Luis Barboo cun coloquio titulado Luis Barboo: o vigués que camiñou coas estrelas, conducido por Josiño Araujo e Miriam P. Álvarez, seguido da proxección de Conan, o bárbaro.