O Goberno anima ás entidades sociais de Pontevedra a optar ás novas axudas para formar e empregar mocidade migrante

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, fixo un chamamento ás entidades do terceiro sector da provincia para que participen na nova convocatoria de subvencións do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), destinada a impulsar programas experienciais de emprego e formación TándEM dirixidos a persoas mozas estranxeiras que estiveron ou están baixo a tutela das administracións públicas.
A convocatoria, dotada con 25 millóns de euros, ten como finalidade apoiar iniciativas que favorezan a integración social e laboral deste colectivo a través de itinerarios que combinan aprendizaxe, experiencia profesional remunerada e acompañamento personalizado.
Losada destacou o papel do tecido asociativo pontevedrés no desenvolvemento de proxectos de inclusión e considerou que estas axudas representan unha oportunidade para reforzar o labor que realizan numerosas entidades na provincia. Ademais, animounas a presentar propostas que contribúan a mellorar as oportunidades formativas e laborais da mocidade migrante.
As subvencións están dirixidas a entidades privadas sen ánimo de lucro con experiencia na atención a mozos tutelados e extutelados ou na xestión de programas de emprego, así como a agrupacións de entidades que traballen neste ámbito.
Os programas terán unha duración de doce meses. Durante o primeiro trimestre, as persoas participantes recibirán formación específica cunha bolsa financiada polo SEPE e, posteriormente, completarán o itinerario cun contrato de formación en alternancia durante nove meses, adquirindo experiencia profesional.
As iniciativas poderán centrarse en ámbitos como a rehabilitación do patrimonio, a mellora de espazos naturais e urbanos, a eficiencia enerxética, as enerxías renovables, a tecnoloxía dixital ou outras actividades de interese social. O prazo para presentar solicitudes permanecerá aberto ata o 24 de agosto a través da sede electrónica do SEPE.