O Goberno galego aprobou un investimento de 18 millóns para a rede de Atención Temperá e crear 8 unidades

O Consello da Xunta de aprobou unha nova orde plurianual de axudas destinadas aos concellos para consolidar e seguir estendendo por toda a comunidade a Rede galega de atención temperá, un servizo público e gratuíto para as familias que é fundamental para previr, detectar e actuar ante problemas de desenvolvemento que poidan xurdir en nenas e nenos de 0 a 6 anos. O orzamento desta convocatoria é de 18,4 millóns de euros para o período 2026-2028, un 14 % máis que na anterior.
A través destas subvencións, a Xunta consolida as unidades de atención temperá existentes e financiará a creación de ata un máximo de oito novas. Nos últimos anos o Goberno galego deu un forte impulso a este servizo e desde 2009 ata o día de hoxe, a nosa comunidade pasou de ter só dúas unidades ás máis de 50 que están en funcionamento na actualidade. Este crecemento supuxo pasar de cubrir unicamente 15 concellos con estes recursos a superar os 200 nestes momentos e a beneficiar as familias de máis de 6.000 menores.
Ademais destes servizos de proximidade, Galicia dispón de recursos de atención temperá nos centros hospitalarios, de catro unidades nas comarcas do Deza, Salnés e Bergantiños xestionadas pola Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT) e de equipos de orientación específicos no ámbito educativo.
Esta nova convocatoria de axudas, que nos vindeiros días se publicará no Diario Oficial de Galicia (DOG), dá continuidade ás oito anteriores aprobadas pola Xunta para consolidar a Rede autonómica de atención temperá. A orde está cofinanciada pola Unión Europea (UE) no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027.