O grupo Estrellas de Buena Vista y Más pechará o XI Ribadeo Indiano cun concerto na rúa San Roque

A formación cubana actuará o 12 de xullo e porá o broche final a tres días de programación cultural do evento
estrellas-de-buena-vista
13 Jun 2026

O grupo Estrellas de Buena Vista y Más será o encargado de ofrecer o concerto principal do XI Ribadeo Indiano, que se celebrará o vindeiro 12 de xullo na rúa San Roque, poñendo o punto final a tres xornadas de actividade cultural.

O proxecto musical naceu en 2021 baixo a dirección de Pancho Amat, considerado un dos grandes referentes mundiais do tres cubano. A formación xurdiu coa intención de manter vivo o legado do histórico Buena Vista Social Club, combinando músicos orixinais con novas xeracións de intérpretes.

O grupo está composto por 16 músicos, entre os que figuran nomes como Carlos Calunga, Lázaro Villa e o propio Pancho Amat, e destaca pola mestura entre experiencia e renovación xeracional. Nas súas actuacións combinan tradición e influencias contemporáneas, cun repertorio centrado na música popular cubana.

O espectáculo pretende poñer en valor a herdanza musical de Cuba e conectar con novos públicos a través dun formato que mestura continuidade histórica e novas achegas creativas.

O XI Ribadeo Indiano está organizado polo Concello de Ribadeo e Acisa, coa colaboración da Xunta de Galicia e da Área de Cultura da Deputación de Lugo.

0.31399607658386