O grupo ourensán Naked Eva representará a Galicia na duodécima edición do Boina Fest

A agrupación foi seleccionado entre máis de 250 artistas para participar nesta edición do festival contra a despoboación da España vaciada
naked-eva-boina-fest
11 May 2026

Naked Eva representarán a Ourense e a Galicia na duodécima edición do Boina Fest, un festival que se celebrará o vindeiro 8 de agosto en Arenillas (Soria) e que está centrado en visibilizar o problema da despoboación na denominada España vaciada.

O grupo ourensán, de estilo indie rock, foi seleccionado dentro dunha convocatoria que este ano reuniu 252 artistas procedentes de territorios con baixa densidade de poboación, enmarcados en 16 provincias afectadas pola despoboación. De entre todas as propostas, só tres proxectos musicais foron escollidos para actuar nesta edición.

No caso de Naked Eva, o festival destaca as súas raíces en San Xusto, no municipio ourensán de Carballeda de Valdeorras, o que lles outorga a representación da provincia de Ourense e de Galicia no cartel do evento.

Xunto a eles, Miniño representarán a Salamanca coa súa proposta de post rock, mentres que a banda Non Gratta levará o rock metal desde distintos puntos da provincia de Soria.

O Boina Fest, que naceu hai máis dunha década, celébrase en Arenillas, un pequeno municipio soriano de pouco máis de 40 habitantes que se converteu nun símbolo de resistencia fronte ao despoboamento rural. O festival combina música en directo con actividades culturais e reivindicativas, e ten como obxectivo dar visibilidade á realidade destes territorios, ademais de ofrecer un espazo a artistas procedentes tanto de zonas despoboadas como de áreas máis poboadas.

A organización destaca que a iniciativa foi medrando edición tras edición, tanto en participación artística como en repercusión. Nesta localidade, ademais, impulsáronse medidas para frear a perda de poboación, como a oferta de vivenda de alugueiro social ou iniciativas para atraer novos residentes.

A 12ª edición do Boina Fest conta co apoio do Concello de Arenillas e da empresa Helios, que colaborará novamente cunha macarronada popular tras o festival. Ademais, xa están dispoñibles as opcións de acampada e zona para furgonetas de forma gratuíta, así como a reserva de prazas para a comida popular.

0.29857897758484