O Grupo Socialista pide televisión gratuíta nos hospitais galegos

A portavoz de Sanidade, Elena Espinosa, denuncia que o sistema de pago actual é unha práctica "abusiva" e reclama un servizo accesible e gratuíto para os pacientes hospitalizados.
Elena Espinosa
21 Feb 2025

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2025 – A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, reclamoulle ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) que ofreza televisión gratuíta nos hospitais públicos de Galicia. A deputada presentou hoxe unha pregunta oral na Comisión de Sanidade do Parlamento galego para esixir a eliminación do actual sistema de pago por uso diario nas habitacións hospitalarias.

Espinosa cualificou o modelo vixente como unha práctica “abusiva” que busca obter ingresos ao cobrar unha taxa á empresa concesionaria do servizo, en lugar de priorizar o benestar dos pacientes. “Deberíase buscar facer máis levadeiras as estancias hospitalarias, non aproveitar para impoñer cargos innecesarios”, afirmou a deputada socialista.

A portavoz tamén solicitou que, se non se pode implantar a gratuidade de inmediato, se permita polo menos un sistema de pago por tempo consumido e non por día completo. “Non ten sentido que un paciente que vexa a televisión durante unha hora pague o mesmo que outro que a use todo o día”, explicou.

Exemplos noutras comunidades e experiencia durante a pandemia
Espinosa instou ao goberno galego a seguir o exemplo doutras comunidades autónomas que xa ofrecen televisión gratuíta nos seus hospitais. Lembrou que durante a pandemia da COVID-19 Galicia permitiu o uso sen custo como medida de apoio emocional aos pacientes, pero que, unha vez superada a situación extraordinaria, o servizo volveu ser de pago.

Ademais, a deputada socialista destacou a importancia da accesibilidade para todas as persoas ingresadas, sinalando que “non todo o mundo dispón dunha tableta, nin domina o mundo dixital nin pode ver comodamente a pantalla dun móbil”. Por iso, insistiu en que a televisión debería ser un servizo básico nos centros hospitalarios.

Apoio cidadán á iniciativa
A proposta do Grupo Socialista xurdiu tras a solicitude da plataforma Lugo en Pé, apoiada pola Federación de Asociacións de Veciños de Lugo Lucus Augusti e pola plataforma Galicia Baleira. Elena Espinosa destacou o papel da cidadanía na defensa deste dereito, especialmente en contornas hospitalarias, onde o entretemento pode ser clave para o benestar emocional dos pacientes.

0.11669111251831