O HULA acolle este venres a XXXVII Reunión Anual da Sociedade Oncolóxica de Galicia

Especialistas de Galicia, España e Portugal analizarán os avances na loita contra o cancro nun encontro centrado na precisión, a humanización e os cribados
hula-hospital-lugo
7 May 2026

O Hospital Universitario Lucus Augusti acollerá este venres 8 de maio a inauguración da XXXVII Reunión Anual da Sociedade Oncolóxica de Galicia, un encontro que se celebrará baixo o lema 'Cara a unha oncoloxía diferente' e que reunirá profesionais de Galicia, España e Portugal para abordar os últimos avances no diagnóstico, tratamento e organización asistencial do cancro.

O acto inaugural terá lugar ás 19:00 horas e contará coa participación do conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Antonio Gómez Caamaño. Tamén estarán presentes o xerente do HULA, Ramón Ares Rico; o presidente da SOG, Jesús García Mata; o xefe de Oncoloxía do hospital lucense e coordinador do comité científico, Sergio Vázquez Estévez; e Inés Formoso García.

Durante a reunión participarán profesionais de referencia do ámbito oncolóxico como o director do IPO do Porto, Julio Oliveira; o director de Investigación e Innovación do Instituto Catalán de Oncoloxía, Ernest Nadal; ou a subdirectora xeral de Integración Asistencial e Innovación do Sergas, Alicia Piñeiro Redondo.

A programación centrarase en cuestións como a oncoloxía de precisión, a humanización da atención sanitaria e os programas de cribado, nun foro no que se compartirán experiencias e innovacións no ámbito da atención ao cancro.

Ademais, de maneira previa á inauguración oficial, a Fundación Sociedade Oncolóxica de Galicia organizará pola mañá a andaina “Cada paso conta”, unha actividade de sensibilización que busca destacar a importancia do exercicio físico na prevención do cancro.

A marcha partirá ás 12:30 horas desde a Porta Falsa da Muralla de Lugo e percorrerá o adarve do monumento. As persoas interesadas en participar poderán formalizar a súa inscrición a través do código QR incluído no cartel da actividade.

0.34030604362488