O HULA reúne en Lugo especialistas de toda España na II Reunión de Hemodiálise Domiciliaria

A primeira xornada, o venres 29 de maio, terá lugar no salón de actos da Deputación de Lugo, mentres que a segunda sesión, o sábado 30 de maio, celebrarase no salón de actos do hospital
hemodialiseis-domiciliaria
26 May 2026

O Servizo de Nefroloxía do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) organiza os próximos 29 e 30 de maio en Lugo a II Reunión de Hemodiálise Domiciliaria, un encontro científico que reunirá a especialistas de distintos puntos de España para abordar os avances, retos actuais e perspectivas de futuro dunha técnica que representa unha alternativa asistencial innovadora, segura e cada vez máis centrada na calidade de vida do paciente.

A reunión desenvolverase en dúas sedes. A primeira xornada, o venres 29 de maio, terá lugar no salón de actos da Deputación de Lugo, mentres que a segunda sesión, o sábado 30 de maio, celebrarase no salón de actos do HULA, convertendo Lugo nun punto de encontro para o intercambio de coñecemento e a actualización científica arredor desta modalidade terapéutica.

A Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos foi pioneira en Galicia neste ámbito, ao converterse o HULA no primeiro hospital galego en implantar a hemodiálise domiciliaria para pacientes renais candidatos a realizar o tratamento no seu propio domicilio.

Impulsada polo Servizo de Nefroloxía do HULA, esta modalidade asistencial combina tecnoloxía, formación específica e seguimento clínico especializado para que o paciente poida desenvolver o tratamento no fogar con todas as garantías de seguridade e eficacia. Ademais de evitar desprazamentos frecuentes ao hospital, permite adaptar a diálise á vida cotiá das persoas, favorecendo unha maior autonomía, flexibilidade e benestar, ademais de contribuír a unha atención máis próxima, personalizada e humanizada.

O programa científico abordará os principais desafíos e oportunidades da hemodiálise domiciliaria desde unha perspectiva multidisciplinar. A xornada do venres centrarase nas estratexias necesarias para impulsar esta técnica, coa visión da nefroloxía e da enfermaría, e analizará tamén o papel da hemodiálise domiciliaria asistida, os programas de pacientes expertos e autoaxuda e o impacto do manexo dietético, especialmente en cuestións como o control do potasio e do fósforo.

Xa na sesión do sábado, os relatorios afondarán no acceso vascular para hemodiálise domiciliaria desde a perspectiva médica, de enfermaría, de cirurxía vascular e tamén coa visión do propio paciente. O programa incluirá ademais unha sesión sobre recursos educativos en hemodiálise domiciliaria, unha visita á unidade de diálise domiciliaria do HULA, a análise das características dos pacientes con maior permanencia nesta técnica e unha revisión de novas opcións terapéuticas no ámbito cardiorrenal.

Con esta segunda reunión, o HULA reforza o seu papel como referente no desenvolvemento e consolidación da hemodiálise domiciliaria, promovendo o intercambio de experiencias e coñecemento arredor dun modelo asistencial que combina innovación, seguridade e unha atención cada vez máis próxima ás necesidades das persoas con enfermidade renal crónica.

0.34619212150574