O I Encontro Artístico de Canto de Mulleres Galeguía reúne en Lugo máis de 50 participantes

A Capela de Santa María acolle as actividades dunha iniciativa que promove o intercambio cultural a través do canto colectivo, con propostas dedicadas á música popular portuguesa, o adufe e o batuko
Galeguía-Lugo
13 Nov 2026

O I Encontro Artístico de Canto de Mulleres Galeguía arrancou este xoves en Lugo coa participación de máis de 50 mulleres nas primeiras palestras e obradoiros. A iniciativa, que por motivos organizativos trasladou toda a programación prevista inicialmente no Pazo de San Marcos á Capela de Santa María, busca crear un espazo de encontro, aprendizaxe e transmisión cultural a través do canto e da música popular.

As organizadoras Neves Núñez e Vânia Couto déronlles a benvida ás participantes e explicaron o significado do termo "Galeguía", proposto en 2005 polo escritor brasileiro Luís Ruffato como alternativa a lusofonía. A palabra pretende superar a carga colonial deste último concepto e representar unha colectividade unida pola transmisión cultural.

A programación da mañá incluíu unha palestra participativa de Liliana Abreu sobre a historia do adufe e os seus diferentes toques, na que xa se escoitaron e cantaron as primeiras coplas e cantigas da música popular portuguesa. Posteriormente, Luzia Oca abordou a orixe e a importancia do batuko entre as mulleres caboverdianas, tanto no arquipélago como nos procesos migratorios, e definiuno como "unha expresión de resistencia colonial".

Tamén participou Vânia Couto, do Coro das Mulheres da Fábrica, que animou as asistentes a sumarse ao canto colectivo durante o seu obradoiro. "Todas temos o imprescindible: uma garganta, um sentido, o ouvido e um coração", lembrou.

O encontro continuará este venres 13 cun primeiro ensaio de canto comunitario de canción popular lusófona, ás 16.00 horas, e un obradoiro de toque de adufe e pandeireta, ás 18.00 horas. O sábado 14 haberá novas palestras e obradoiros na Capela de Santa María, entre eles unha sesión sobre o movemento Primavera de Coros, con Matilde Simões, e outra sobre os beneficios de cantar en comunidade, impartida por Ugía Pedreira.

A xornada do sábado rematará cun concerto de Vânia Couto e Xoán Fuertes, ás 19.00 horas, no auditorio da Facultade de Veterinaria, acompañados por Ugía Pedreira, Liliana Abreu, Miguel Díaz Valdés, Dulce Cruz e as voces dos colectivos Coro das Mulheres da Fábrica, Erikas e Peluxias e Batuko Tabanka. O domingo 15, ás 11.00 horas, o salón de actos da Casa do Saber acollerá unha xuntanza aberta a todas as persoas interesadas en participar na creación dun grupo de canto colectivo.

1.9279201030731