O IES Rosalía de Castro anuncia os finalistas na XXX edición do Premio San Clemente

A categoría en lingua galega decidirase entre ‘Mazarelos’, título de Manuel Portas; ‘Punto de araña’, obra de Nerea Pallares, e ‘Ítaca’, escrito por María Besteiros
premio-san-clemente-santiago
20 May 2026

O XXX Premio San Clemente, organizado polo IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, anunciou esta mañá as obras finalistas nas súas tres categorías: novela en lingua estranxeira, novela en castelán e novela en galego.

Na categoría de novela en lingua estranxeira compiten como finalistas Me llevaré el fuego, obra de Leila Slimnai e editada por Cabaret Voltaire; Gliff, de Ali Smith e publicada por Nórdica Libros; e Revolución, de Hugo Gonçalves e pertencente ao selo Libros del Asteroide.

No apartado de novelas en castelán, Mil cosas, de Juan Tallón (Anagrama); Hasta que empieza a brillar, de Andrés Neuman (Alfaguara), e Ahora y en la hora, de Héctor Abad Faciolince (Alfaguara) son as finalistas.

Por último, as tres novelas finalistas ao San Clemente en lingua galega son: Mazarelos, de Manuel Portas (Galaxia); Punto de araña, de Nerea Pallares (Galaxia), e Ítaca, de María Besteiros (Xerais).

Así se deu a coñecer esta mañá nun acto coa prensa en que participaron o secretario xeral de Lingua da Xunta, Valentín García; o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e FP, Jesús Manuel Álvarez Bértolo; a directora do IES Rosalía de Castro, Gemma Paredes; a xefa de departamento de Lingua Castelán do centro e coordinadora do Premio San Clemente, a catedrática Marta Gende, e a catedrática de Lingua Galega, Sira Vidal, que falaron da escolla de finalistas e dos argumentos das obras.

Durante a presentación desta 30ª edición, lembrouse a singularidade deste galardón en que a decisión final recae no alumnado de bacharelato do propio instituto compostelán e tamén doutros centros convidados a participar, tanto de Galicia coma do exterior. Nesta 30 edición, cuxas obras gañadoras se darán a coñecer no curso 2026/2027, participarán un total de dez centros: o IES Agra de Leborís (A Laracha, A Coruña), o IES do Camiño (Palas de Rei, Lugo), o IES San Tomé do Freixeiro (Vigo, Pontevedra), o IES Blanco Amor (Ourense), o IES Lamas de Abade (Santiago de Compostela), o IES Ramiro de Maeztu (Madrid), o Lycée Saint François Xavier de Vannes (Francia), o Grimmelshausen Gymnasium de Gelnhausen (Alemaña), o Hockerill Anglo European College (Reino Unido) e o propio IES Rosalía de Castro (Santiago de Compostela).

Esta mañá, co galo da trixésima edición do Premio San Clemente, aproveitouse tamén para lembrar a frutífera historia deste certame, posto en marcha no ano 1993 da man de profesores xa xubilados do centro, como os antigos directores Ubaldo Rueda e Xabier Mouriño e docentes como Maribel Martín, Margarita Prado ou Rosa López. Ao longo destas tres décadas, sinaturas tan reputadas como as de Paul Auster, Haruki Murakami, Antonio Tabucchi, José Saramago, Mario Vargas Llosa, Carmen Martín Gaite, Almudena Grandes, Manuel Rivas, María Reimóndez, Anxos Sumai; Maggie O’Farrel, Alejandro Zambra ou Brenda Navarro recibiron este galardón que, na pasada edición, levaron Ledicia Costas, por Pel de Cordeiro; a portuguesa Lídia Jorge, por Misericordia, e o ubetense David Uclés, por La Península de las casas vacías.

0.34876799583435