O Iescha presenta un libro sobre o proxecto Xorima

GaliciaXa
O vindeiro 19 de marzo presentarase na capital chairega o libro Conversas arredor de Xorima, de Paulo Naseiro.
presentacion libro xorima vilalba portada
presentacion libro xorima vilalba portada
14 Mar 2022

O vindeiro 19 de marzo presentarase na capital chairega o libro Conversas arredor de Xorima, de Paulo Naseiro, editado polo Instituto de Estudos Chairegos. O evento marca o despegue do Proxecto Xorima, un proxecto transmedia que busca homenaxear o grupo de folk Xorima a través de múltiples medios e plataformas, recuperando a súa memoria e reunindo os membros da primeira formación despois de corenta anos.

Esta celebración foi adiada do pasado 26 de decembro.

Xorima foi un grupo revelación no nacente folk instrumental galego dos anos oitenta. Chegaron a actuar nos máis importantes festivais de folk en Galicia e traspasaron as súas fronteiras para acudir a citas como o Festival Intercéltico de Lorient. Do seu paso pola historia do folk galego deixaron pegada nun disco gravado en 1985.

O proxecto Xorima xa conta cunha páxina web, proxectoxorima.com, e está a producir un documental que será estreado o ano próximo. Nas redes sociais, pódense seguir todas as novidades a través de Twitter (@Proxecto_Xorima), Instagram (proxecto_xorima) e Facebook (@ProxectoXorima).

A presentación do libro Conversas arredor de Xorima terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba ás 20.00h, nun evento que tamén contará coa actuación de Xorima.

As entradas que se sacaron para a anterior data prevista nun proncipio para o 26 de decembro de 2021, seguen tendo validez para esta do 19 de marzo de 2022. En todo caso, recoméndase ás persoas que aínda non teñen entradas e estean interesadas en acudir ao acto, que permanezan atentas á disponibilidade das mesmas na web do Concello, pois irán aparecendo aquelas que vaian quedando libres.

A organización do evento corre a cargo do Instituto de Estudos Chairegos, como principal asociación participante no proxecto, en colaboración co Concello de Vilalba.

0.13414001464844