O incendio de Taboada queda estabilizado despois de arrasar unhas 30 hectáreas

A Consellería de Medio Rural confirma que o incendio forestal declarado onte no concello lucense de Taboada, concretamente na parroquia de Ínsua, se atopa estabilizado dende as 08.42 horas desta mañá.
As lapas comezaron onte ás 17.38 horas e, segundo as estimacións provisionais manexadas ata o momento, o lume tería afectado unha superficie aproximada de 30 hectáreas.
Para facer fronte ao incendio despregouse un amplo operativo composto, de momento, por 4 técnicos, 19 axentes, 21 brigadas, 20 motobombas, 4 palas mecánicas, 2 unidades técnicas de apoio, 5 helicópteros e 4 avións.
Dende o departamento autonómico insístese na importancia da colaboración cidadá na loita contra o lume. Para iso lembran que se pode chamar de xeito gratuíto ao 085 ante calquera sospeita de incendio forestal, así como empregar a aplicación móbil ALume, dispoñible para notificar incendios activos no territorio galego.
Ademais, a Xunta pon á disposición da poboación o teléfono anónimo e gratuíto 900 815 085, destinado a denunciar posibles actividades delituosas relacionadas coa orixe intencionada de incendios. Toda a información actualizada sobre os lumes forestais que superen as 20 hectáreas pódese seguir a través da conta de X @incendios085.