O Instituto Galego do Consumo atendeu máis de 18.000 consultas no primeiro semestre do ano

As telecomunicacións e a enerxía concentran boa parte das consultas e reclamacións, mentres que o sector da automoción acumula o maior número de expedientes sancionadores
luz-factura-bombilla
17 Aug 2026

O Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, atendeu entre xaneiro e xuño de 2026 un total de 18.157 consultas, unha media de aproximadamente 100 ao día. Durante este mesmo período, o organismo tramitou 9.906 reclamacións, realizou 1.444 arbitraxes e abriu 668 expedientes sancionadores, cun importe total de 10,8 millóns de euros.

As telecomunicacións foron o ámbito que concentrou máis consultas no primeiro semestre, con 4.091, máis do 22,5 % do total. A continuación situouse a enerxía, con 3.165 consultas, que representan máis dun 17,4 %. Tamén tiveron un peso destacado as cuestións relacionadas co ámbito financeiro, con 1.926 consultas, e co sector electrónico, con 1.791.

No caso das reclamacións, as telecomunicacións volveron ocupar o primeiro posto, con 1.463, preto do 14,8 % do total. As relacionadas coa enerxía alcanzaron as 1.444, case o 14,6 %.

En canto aos expedientes sancionadores en materia de consumo, a automoción foi o sector que acumulou máis procedementos nos seis primeiros meses do ano, con 73 expedientes abertos por un importe superior aos 4,9 millóns de euros. A continuación situouse o ámbito da electricidade e a enerxía.

A actividade do IGCC compleméntase co traballo da Escola Galega de Consumo, que durante o primeiro semestre formou preto de 30.000 persoas de todas as idades, atendendo ás necesidades das persoas consumidoras e aos cambios experimentados polo mercado.

Pola súa banda, o Laboratorio de Consumo de Galicia remitiu case medio cento de alertas relacionadas con produtos inseguros. Trátase do único laboratorio público oficial galego nesta materia acreditado pola ENAC, entidade encargada de avaliar a competencia técnica nos ámbitos da certificación e a inspección, e está considerado un referente estatal no control e comunicación de alertas de consumo.

O Instituto Galego do Consumo e da Competencia conta con máis de tres décadas de actividade dedicada á información das persoas consumidoras e usuarias e á defensa dos seus dereitos e intereses. Entre as súas características figuran a simplificación administrativa, a gratuidade e a resolución dos conflitos en materia de consumo.

A cidadanía pode acceder aos servizos do instituto a través das oficinas de atención presencial situadas nas sete principais cidades galegas, da súa páxina web ou do teléfono gratuíto 900 23 11 23. Este servizo telefónico funciona de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 19.00 horas, para ofrecer información e asesoramento en materia de consumo.

0.35009002685547