O IV Serán da Xunta celebra a cultura popular con festival folk, feira e exposicións no Gaiás

A Xunta de Galicia celebra esta fin de semana na Cidade da Cultura de Galicia o Serán'04, o IV Encontro Galego de Cultura Popular, que terá lugar do 20 ao 22 de xuño cunha ampla programación destinada a festexar e promover a música e o baile tradicional do país.
A principal novidade deste ano é a celebración dun gran festival folk, que terá lugar o venres 20 a partir das 21:00 horas, e contará coa presenza de artistas de referencia como Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, De Ninghures, Tres Pesos e Xosé Lois Romero & Aliboria. Os interludios correrán a cargo de Os Enxebres de San Lázaro.
O Serán arrincará ese mesmo venres ás 16:00 h cunha intensa programación que incluirá 15 masterclasses profesionais de baile, canto, gaita ou pandeireta; unha feira sectorial con preto de 40 postos de artesanía e música; e a exposición de traxe tradicional "O Sarillo", unha coidada mostra comisariada por Yeray Paz Souto con pezas antigas e reproducións de traxes de diferentes comarcas galegas.
Entre as propostas máis destacadas están tamén clases inclusivas, como a de iniciación á pandeireta para persoas con discapacidade, ou unha clase de bordado con Álex Regueiro, modisto especializado en traxe tradicional.
O domingo 22, o Serán pechará cunha exhibición de baile tradicional a cargo de agrupacións de toda Galicia: Tequexetéldere, Aturuxo, Lembranzas da Ría, Arume de Caión, Traspés, Buxainas, Son D'Aquí e Saíñas.
Logo de tres edicións nas que se superaron os 17.000 asistentes, o Serán'04 volve ao Gaiás coincidindo co Día Europeo da Música e co inicio da programación estival, cun evento gratuíto e aberto a todos os públicos.