O IX Concurso de Canto Compostela Lírica eleva a 10.000 euros a contía dos seus premios

O prazo para participar no certame, organizado por Amigos da Ópera de Compostela, permanecerá aberto ata o 20 de outubro
microfono-cantar
11 Oct 2026

Amigos da Ópera de Compostela puxo en marcha unha nova edición do Concurso de Canto Compostela Lírica, que este ano celebra a súa novena convocatoria con importantes novidades. O prazo para formalizar as inscricións permanecerá aberto ata o vindeiro 20 de outubro e poderán participar cantantes solistas de entre 18 e 35 anos.

Un dos principais cambios desta edición é o incremento da dotación económica dos galardóns, que pasa dos 7.000 euros das convocatorias anteriores aos 10.000 euros actuais. O primeiro premio estará dotado con 5.000 euros e ofrecerá, ademais, a posibilidade de realizar tres actuacións remuneradas: unha coa Real Filharmonía de Galicia, outra no Festival du Luberon, en Francia, e unha terceira dentro da Temporada Lírica de Oviedo.

O gañador ou gañadora do primeiro premio tamén terá acceso ao asesoramento vocal do pianista e profesor Maciej Pikulski en París, como parte do recoñecemento asociado ao galardón.

A organización incorpora tamén nesta edición o Premio do Público, patrocinado por Viaxes Zonda, que estará dotado con 500 euros e incluirá un diploma acreditativo.

Os nomes das persoas seleccionadas para a fase final coñeceranse o 2 de novembro. A listaxe estará integrada por 30 voces finalistas e outras dez en reserva. A semifinal celebrarase o 4 de decembro, mentres que a gran final terá lugar o sábado 5 de decembro no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela.

O IX Concurso de Canto Compostela Lírica conta coa colaboración e o patrocinio do Concello de Santiago, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e a Fundación José Otero Carmela Martínez.

0.37185406684875