O lucense Óscar Rodríguez de Vivero aspira a clasificarse para a final do Mundial de Oratoria en español

O lucense Óscar Rodríguez de Vivero continúa avanzando no Campionato Mundial de Oratoria en español tras conseguir a súa clasificación para a penúltima fase do certame. Despois de superar unha primeira selección na que participaron arredor de 500 aspirantes e de proclamarse vencedor da fase nacional celebrada en Madrid, busca agora unha das catro prazas que darán acceso á gran final internacional.
Nesta nova etapa da competición presenta un discurso de dous minutos centrado na incerteza, unha reflexión na que defende que aquilo que moitas veces se percibe como un impedimento tamén pode converterse nunha fonte de motivación, creatividade e inspiración.
Na súa intervención, Rodríguez de Vivero destaca que "a incerteza é o espazo no que viven a arte e a ciencia, a distancia entre o que non se sabe e o que está por investigar".
A competición reúne nesta fase a un total de 30 participantes procedentes de distintos países, entre os que só figuran dous representantes españois. O acceso á final decidirase combinando a valoración do xurado co respaldo obtido na votación popular.
As votacións permanecerán abertas ata o luns 20 de xullo a través das redes sociais da Liga Española de Debate Universitario.
Óscar Rodríguez de Vivero chega a esta fase avalado por un destacado palmarés. En 2024 foi recoñecido como mellor orador de España e proclamouse subcampión do mundo, mentres que en 2025 acadou o terceiro posto no campionato nacional de oratoria.