O Maré 2026 chega a Santiago para convertelo en punto de encontro das músicas e culturas do mundo

O Festival Maré. Músicas e Artes Atlánticas presentou hoxe a programación da súa edición 2026, que se desenvolverá en Santiago de Compostela entre os días 23 e 27 de setembro. O festival volverá converter a cidade nun espazo de encontro entre culturas, linguaxes e tradicións musicais, cun programa que reúne máis de 30 espectáculos, catro producións propias, oito propostas inéditas en Galicia e artistas procedentes de máis de 16 países e con presenza de 12 linguas. Na rolda de prensa participaron: Vítor Belho, director de Nordesía; Faia Díaz, cantante; Miriam Louzao, concelleira de Capitalidade Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica de Santiago de Compostela; Valentín García, secretario xeral de Lingua da Xunta de Galicia; Marcos Gómez Román, comisario do Xacobeo 2027, e Alejandro Vargas, pianista.
O Maré mantén así a súa aposta por construír pontes entre territorios a través da música, combinando propostas de raíz con linguaxes contemporáneas e xéneros tan diversos como o jazz, o folk, o rock, o reggae, a trova cubana, a samba, o fado, o blues ou a música de raíz.
Durante a súa intervención, a concelleira Míriam Louzao salientou que “Compostela será unha vez máis parte relevante do festival como escenario vivo, porque serán moitos os espazos nos que se poderá gozar das propostas”, con toda a cidade chea “de músicas chegadas de todo o mundo”. A edil lembrou o carácter acolledor e plural de Santiago e reivindicou a natureza do festival e da propia cidade como “un espazo de encontro, de diálogo, de intercambio e de diversidade”, en definitiva, “a esencia mesma de Compostela”. Louzao puxo en valor a aposta municipal pola cultura “como un dereito” e a arte “como forza transformadora”. “Tamén reivindicamos a nosa lingua e a nosa cultura sempre en pé de igualdade con outras linguas e culturas do mundo”, engadiu. A concelleira de Capital Cultural tivo tamén palabras de agradecemento para Vítor Belho e a todo o equipo de Maré.
A programación articúlase en tres grandes ámbitos: a programación xeral do festival, o Maré Club e o Maré Lab, tres espazos complementarios que permiten atender tanto á experiencia do público como ao encontro entre artistas, profesionais e axentes culturais.
Unha programación xeral que conecta continentes
Entre os grandes nomes desta edición destaca Aterciopelados, unha das formacións fundamentais do rock latinoamericano, que abrirá a programación o 23 de setembro na Sala Capitol. Tamén forman parte do cartel Haydée Milanés & Javier Colina, que presentarán no Teatro Principal o seu diálogo arredor da canción cubana; Omar Souleyman, referente internacional do dabke electrónico; e Magalí Sare, que estará acompañada polo coro de cámara compostelán Vox Stellae nunha proposta especial arredor do seu proxecto Descasada, vol. 1.
A edición contará tamén coa presenza da británica ALA.NI, da brasileira Bia Ferreira, de Marcos Coll, Camille & Matthieu Saglio, Josyara, Jupiter & Okwess, Trilitrate, Faia, Expresso Transatlántico e outras propostas procedentes de diferentes territorios e tradicións.
Dentro desta programación terá un lugar destacado Maré Recomenda, que este ano pon o foco no músico portugués António Zambujo, unha das voces máis recoñecidas da música popular e do fado contemporáneo de Portugal. O concerto terá lugar o 26 de setembro no Auditorio de Galicia.
Outro dos momentos centrais será Cuba canta en Maré, unha produción propia que reunirá o sábado 26 na Sala Capitol diferentes voces e sensibilidades da música cubana e da súa diáspora en Galicia. O proxecto estará encabezado por Alejandro Vargas Trío e Reynier Aldana, aos que se sumarán artistas convidadas e convidados como Lindiana Murphy, Frank Delgado, David Álvarez, Loidis Taboada, Wöyza e Rafael Briseño. Unha noite que percorrerá o son cubano, o jazz e a salsa desde a experiencia da diáspora cubana en Galicia.
A programación completarase o domingo cunha nova produción, Misa «El Bosque Negro», protagonizada por Alejandro Vargas e Gino Sitson, que levará á Igrexa da Universidade un diálogo musical entre África e América.
O Maré Club amplía a experiencia do festival máis alá dos grandes escenarios e achega a programación a diferentes salas e espazos de Compostela, apostando por formatos máis próximos e pola convivencia entre artistas locais, estatais e internacionais.
Durante os cinco días do festival, salas como Casa das Crechas e Riquela, entre outras, acollerán concertos e sesións que completan o programa principal e permiten descubrir novas propostas nun contexto máis íntimo e nocturno.
Deste xeito, o Maré Club funciona como unha extensión natural do festival: un espazo para continuar a conversa, descubrir outras músicas e favorecer o encontro entre públicos e artistas.
Maré Lab: un espazo para crear, compartir e pensar
A programación do Maré Lab reforza unha das principais características do festival: a vontade de ser tamén un espazo de creación, intercambio e reflexión arredor das músicas e das culturas contemporáneas.
O Maré Lab incorpora encontros, experiencias, procesos de creación e actividades vinculadas ao diálogo entre artistas e comunidades, favorecendo a colaboración e o intercambio de coñecementos. A través deste programa, o festival afonda na súa vocación de laboratorio e de punto de conexión entre creadoras e creadores procedentes de diferentes territorios.
Nesta edición, esta dimensión estará especialmente ligada ás producións propias do Maré, ás colaboracións entre artistas de diferentes procedencias e ás propostas que exploran novas formas de relación entre tradición e contemporaneidade. Entre elas destacan os proxectos Cuba canta en Maré, Misa «El Bosque Negro» e De Zemambiquo a Zigala, colaboración entre o músico mozambicano Cheny Wa Gune e A Pedreira que funcionará como peche desta edición.
O sábado 26 de setembro, coincidindo co Día Europeo das Linguas, Maré propón unha xornada que exemplifica a súa vontade de poñer en diálogo Galicia con outras culturas, linguas e tradicións musicais. A creación galega terá unha presenza destacada a través de tres propostas: Trilitrate, Lideira e Faia, que achegan ao festival diferentes aproximacións á música galega contemporánea, desde a experimentación e a mestura de linguaxes ata a revisión da tradición e da música de raíz. Xunto a elas, a programación do día contará con figuras e formacións internacionais como António Zambujo, ALA.NI, Shooglenifty e Jupiter & Okwess, e culminará con Cuba canta en Maré, un encontro arredor da música cubana e das súas conexións coa diáspora, que reunirá no escenario da Sala Capitol diferentes voces e sensibilidades. Unha xornada, en definitiva, que fai da diversidade lingüística e cultural o fío condutor dunha programación aberta ao intercambio entre territorios.