O matadoiro móbil de Medio Rural amplía os servizos para ovella e cabra galegas 100 % raza autóctona

Figura como operador acreditado por parte da Asociación de Criadores de Raza Ovella Galega (Asovega) e a Asociación de Gandeiros da Raza Cabra Galega (Capriga) para o uso destes selos
ovellas
1 Jun 2026

A Consellería do Medio Rural recibiu a autorización por parte da Asociación de Criadores de Raza Ovella Galega (Asovega) e a Asociación de Gandeiros da Raza Cabra Galega (Capriga) para o uso dos logotipos 100 % Raza Autóctona Ovella Galega e 100 % Raza Autóctona Cabra Galega, respectivamente, no matadoiro móbil de Galicia. Con isto, preténdese que os produtores destas razas ameazadas podan sacrificar os seus animais en proximidade e manter o valor engadido que supón o uso dun selo que asegura a orixe e natureza dos produtos postos no mercado.

Esta autorización súmase á xa obtida no ano 2024 por parte da Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) para o uso do selo 100 % Raza Autóctona Porco Celta. Polo tanto, as explotacións gandeiras que contan con animais das razas Ovella Galega, Cabra Galega e Porco Celta inscritas nos correspondentes libros xenealóxicos, poden sacrificar os seus animais no matadoiro móbil da Consellería do Medio Rural, de tal xeito que despois se podan comercializar as carnes obtidas co correspondente logotipo de raza 100 % autóctona.

Este indicativo constitúe un selo oficial único, diferenciador e recoñecible para produtos procedentes de animais das razas autóctonas, que ofrece aos consumidores as garantías de orixe dos produtos que consumen. A marca garante ao consumidor a pureza da raza dos produtos que adquire, mediante un sistema de control da trazabilidade dende a explotación de orixe, no sacrificio dos animais, na transformación e despece da carne e na súa posterior comercialización.

Co obxecto de completar os servizos ofertados ás persoas gandeiras a través do matadoiro móbil, tamén se está a tramitar ante o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) a solicitude de autorización de certificación da produción ecolóxica. Deste xeito, as persoas titulares de explotacións ovinas, cabrúas e porcinas rexistradas no Craega poderán utilizar, con garantías na comercialización dos seus produtos, o matadoiro.

O logotipo de 100% raza autóctona instaurouse a través do Real Decreto 505/2013, do 28 de xuño, de uso voluntario no etiquetado dos produtos de orixe animal, coa finalidade de asegurar que os consumidores reciban información fiable e unha garantía de orixe racial de ditos produtos. Así mesmo, busca fomentar a competencia leal e xerar valor engadido en beneficio dos produtores de razas autóctonas.

Para o seu uso, as asociacións de criadores de animais de razas autóctonas oficialmente recoñecidas deben solicitar a cesión do logotipo por parte do Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación, e elaborar un prego de condicións a cumprir para a súa utilización nos produtos amparados pola raza correspondente, que debe ser aprobado pola Consellería do Medio Rural.

Unha vez obtida a cesión de uso e a aprobación do prego de condicións, unicamente poderán utilizar o logotipo os operadores que foran autorizados expresa e previamente por parte das asociacións de criadores. Para garantir que os produtos e os animais sexan de raza autóctona, deben establecer os rexistros do sistema de trazabilidade definidos nos pregos de condicións.

Poden acollerse ao uso de 100% raza autóctona os produtores primarios (explotacións gandeiras onde nacen e se crían os animais da raza), os transformadores (matadoiros, salas de despece, envasadores, transformadores) e os comercializadores, baixo o control das asociacións de criadores autorizadas.

0.34138321876526