O metal chega á sexta xornada de folga coa negociación de novo sobre a mesa

A mobilización provincial partirá hoxe ás 12.00 horas de Santa Cristina cara á sede da patronal na Coruña, antes da reunión prevista para este venres
SANTIAGO folga metal 10.06.2026
11 Jun 2026

O sector do metal da provincia da Coruña afronta este xoves a súa sexta xornada de folga para esixir avances na negociación do convenio colectivo. O paro de 24 horas estará marcado por unha manifestación provincial que reunirá persoal procedente das comarcas da Coruña, Ferrol e Santiago.

A marcha partirá ás 12.00 horas da contorna de Santa Cristina e da avenida das Mariñas, en Oleiros. Desde alí, atravesará a ponte da Pasaxe e continuará por Alfonso Molina ata chegar á sede da patronal coruñesa, situada na zona de Monelos. A mobilización poderá afectar á circulación nun dos principais accesos á cidade.

A protesta chega un día despois das manifestacións celebradas en Ferrol, Santiago e Carballo. Segundo a CIG, miles de persoas participaron este mércores nos piquetes e nas marchas convocadas para reclamar un convenio con melloras salariais, avances nos dereitos laborais e medidas contra a precariedade.

A principal novidade no conflito é a proposta da patronal para retomar a negociación. As partes teñen previsto reunirse este venres 12 de xuño ás 10.00 horas, despois de que os sindicatos anunciasen outras catro xornadas de folga para os días 16, 17 e 30 de xuño e 2 de xullo.

A CIG espera que o empresariado acuda ao encontro con propostas que permitan achegar posturas e abandonar o bloqueo denunciado nas últimas semanas. Entre os asuntos que separan ás partes figuran os salarios, a redución da xornada, a temporalidade, a subcontratación e o carácter retroactivo das condicións que finalmente se pacten.

A mobilización deste xoves pecha os tres días consecutivos de paro convocados para esta semana. As novas datas de folga permanecerán sobre a mesa á espera do resultado da reunión do venres e dos posibles avances na negociación do convenio provincial.

0.34079098701477