O Ministerio acepta reducir a 15 a ratio da FP Básica tras unha reclamación da CIG-Ensino

A CIG-Ensino valorou como "un avance positivo, aínda que podería ser máis ambicioso" a proposta do Ministerio de Educación para modificar o Real Decreto 659/2023, que regula a ordenación do sistema de Formación Profesional, e que incorpora a redución da ratio máxima na FP Básica ata os 15 alumnos por aula, unha reivindicación histórica do sindicato. Segundo a normativa proposta, esta medida debería comezar a aplicarse xa a partir do vindeiro curso 2026-2027.
A novidade foi abordada na reunión do grupo de traballo 4 celebrada onte, na que tamén se trataron cuestións relacionadas coa climatización dos centros educativos e co mantemento dos colexios que imparten o segundo ciclo de Infantil, Primaria e ESO, especialmente no ámbito rural.
O Ministerio propón modificar a disposición adicional sétima do Real Decreto para establecer que as administracións educativas reduzan progresivamente as ratios nas distintas ofertas de Formación Profesional presencial ata un máximo de 25 estudantes por docente nos ciclos de Grao Medio, Grao Superior e Cursos de Especialización, e ata un máximo de 15 alumnos por profesor ou profesora na FP Básica, especialmente nos ciclos que requiren o uso de talleres, laboratorios e outros espazos específicos. O obxectivo é que estas ratios estean plenamente implantadas no inicio do curso 2028-2029.
A secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, defendeu durante a reunión que esa redución debería ser aínda maior nos ciclos de Grao Medio e Superior cun maior compoñente práctico, situando a ratio en 20 estudantes por docente, así como establecer un máximo de 30 alumnos na modalidade a distancia. Ademais, criticou que a Consellería de Educación da Xunta non estea aplicando xa a ratio máxima de 25 alumnos por aula en todos os ciclos ordinarios, escudándose na expresión "preferentemente" recollida na normativa estatal.
No referente ao resto das etapas educativas, a organización sindical valorou positivamente os avances propostos para o primeiro ciclo de Educación Infantil, pero insistiu en reclamar novas rebaixas das ratios, propoñendo un máximo de 15 alumnos no segundo ciclo de Infantil e de 25 en Bacharelato, fronte ás cifras de 20 e 30 que contempla actualmente a proposta ministerial. Tamén solicitou reducir o número de estudantes asignados ao profesorado especialista en atención á diversidade, Pedagoxía Terapéutica (PT), Audición e Linguaxe (AL) e orientación educativa.
Desde o Ministerio sinalouse que, aínda que existe marxe para introducir melloras, é necesario manter un equilibrio co conxunto das administracións educativas e dos axentes implicados. Ademais, avanzouse que proximamente se fará público o índice de vulnerabilidade do alumnado con necesidades educativas especiais, co obxectivo de incorporalo ao futuro proxecto de lei sobre adaptación das ratios e reforzar así a atención á diversidade.
Na reunión tamén se abordou unha proposta para modificar o Real Decreto 132/2010, relativa aos centros que imparten segundo ciclo de Infantil, Primaria e Secundaria. O texto incorpora un novo apartado destinado a garantir o benestar do alumnado e do persoal mediante medidas de climatización adaptadas ao confort térmico e ás consecuencias do cambio climático. Ademais, insta ás administracións educativas a asesorar os centros para que conten con protocolos de actuación fronte a episodios de temperaturas extremas ou outros riscos climáticos, incluíndo medidas como a reorganización de horarios, a adaptación das actividades físicas ou a protección específica do alumnado máis vulnerable.
A CIG-Ensino reclamou que estas decisións non recaian nos propios centros educativos, senón que sexan as administracións autonómicas as que establezan protocolos claros sobre cuestións como o mantemento da actividade lectiva ou a realización de actividades ao aire libre en situacións meteorolóxicas adversas. O sindicato tamén incidiu na necesidade de que todos os centros dispoñan de espazos exteriores acondicionados e recordou as particularidades climáticas de Galicia, cun elevado nivel de precipitacións, zonas de montaña con invernos moi fríos e un aumento das vagas de calor nos últimos anos. Neste contexto, a organización volveu defender a concentración da xornada lectiva en horario de mañá durante os meses de xuño e setembro.
Outro dos aspectos tratados foi a situación dos centros educativos do rural. O Ministerio propón incorporar por primeira vez criterios cualitativos para decidir a continuidade destes colexios, recoñecendo que ata agora esta cuestión carecía de respaldo normativo. Ademais, prevese que as administracións poidan adaptar tanto as ratios de alumnado por docente como o número máximo de estudantes por unidade ás características específicas da contorna, garantindo tamén os recursos humanos, a conectividade e os medios dixitais necesarios.
A CIG-Ensino considera positiva a inclusión destes criterios cualitativos, xa que entende que, nun territorio como Galicia, cunha elevada dispersión xeográfica, o peche dun centro escolar pode obrigar a moitos nenos e nenas a realizar desprazamentos diarios de entre 40 e 50 quilómetros, superando nalgúns casos unha hora de traxecto, unha situación que, segundo o sindicato, vulnera os dereitos básicos da infancia. Con todo, insiste en que a regulación das ratios nas aulas mixtas e outras cuestións organizativas deben seguir sendo competencia da Xunta de Galicia.