O Mosteiro de Santo Estevo será escenario da homenaxe de Amancio Prada aos versos de Rosalía de Castro

O cantautor conmemorará o 50 aniversario do disco Rosalía de Castro cun concerto que percorrerá cinco décadas de música, poesía e memoria
concerto-amancio-prada-en-burela
4 Aug 2026

O Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, en Nogueira de Ramuín, acollerá o vindeiro 7 de agosto, ás 20:00 horas, un concerto de Amancio Prada no que o artista renderá homenaxe ao legado de Rosalía de Castro coincidindo co cincuenta aniversario da publicación do seu emblemático disco Rosalía de Castro, editado en 1975.

A actuación enmárcase na xira coa que o músico celebra medio século de traxectoria artística, un percorrido no que revisita as cancións que marcaron os seus inicios e incorpora novas interpretacións nacidas da experiencia acumulada ao longo destes anos.

O programa musical reunirá composicións inspiradas en obras fundamentais da literatura galega como Follas novas e Cantares gallegos, reafirmando a estreita relación que Prada mantivo desde os seus comezos coa poesía de Rosalía. O concerto permitirá descubrir tamén a evolución do seu estilo, sempre marcado pola fusión entre palabra e melodía.

O propio artista lembra que a autora galega foi decisiva na súa formación persoal e musical. "Comecei a ler a Rosalía con dezaseis anos, cando vivía en Valladolid. A morriña da miña terra, o Bierzo, e os versos de Rosalía convertéronse nunha guía para expresar emocións e lembranzas, facendo que a miña música nacese case de maneira natural, ao ditado da sonoridade e do sentimento", asegura.

Natural de Dehesas (León) e nado en 1949, Amancio Prada consolidouse como unha das voces máis recoñecidas da canción de autor, levando ao escenario textos de escritores como Rosalía de Castro, Federico García Lorca, Álvaro Cunqueiro ou Juan Ramón Jiménez, ademais das súas propias creacións.

A actuación terá unha duración superior aos 90 minutos e ofrecerá ao público unha viaxe pola historia musical do cantautor. "Non hai día en que non lle cante a Rosalía. Revivir estas cancións é revivir unha parte de min mesmo. Porque unha canción nace… e renace cada vez que se canta", afirma.

O recital converterase así nun encontro entre música e literatura, no que a obra de Rosalía de Castro volverá soar da man dun dos artistas que máis contribuíu a proxectala a través da canción durante as últimas cinco décadas.

0.34159994125366