O Museo de Pontevedra acolle a 16ª edición das Noites de Música Antiga con tres concertos dedicados ao Barroco

A Deputación de Pontevedra organiza no Museo de Pontevedra a 16ª edición das Noites de Música Antiga, un ciclo que nesta ocasión estará dedicado á música do período barroco. A programación desenvolverase os días 16, 24 e 30 de xullo, sempre ás 19:00 horas no Edificio Castelao, coa participación de tres formacións especializadas: o dúo integrado pola violonchelista Laia Terré e o clavecinista Lorenzo Ripol, a agrupación portuguesa Iberian Ensemble e o conxunto galego Teucro Trío. O ciclo está dirixido polo profesor da Universidade de Vigo Luís Costa Vázquez e a entrada será libre ata completar a capacidade.
A primeira cita terá lugar o xoves 16 de xullo co concerto de Laia Terré e Lorenzo Ripol, que presentarán o programa “Diálogos do século XVIII”. A proposta céntrase no protagonismo do violonchelo barroco e na súa consolidación dentro do repertorio orquestral e de cámara durante a segunda metade do século XVIII.
O repertorio reunirá composicións de autores de Italia, Francia e España, entre eles Francesco Geminiani, Giovanni Bononcini, Antonie Dard, Martín Berteau e Pablo Vidal, amosando a evolución da linguaxe solista do violonchelo e a súa expansión por Europa.
Laia Terré formouse nos conservatorios de Ámsterdam, Xenebra, Utrecht e Lleida, a súa cidade natal, e actualmente realiza o mestrado en Violonchelo Histórico na Schola Cantorum Basiliensis. A súa traxectoria está centrada na interpretación do repertorio temperán para este instrumento e colaborou con diferentes agrupacións especializadas na música barroca e clásica, ademais de recibir diversos premios de interpretación.
Pola súa banda, Lorenzo Ripol iniciou os seus estudos en Udine, onde obtivo a titulación en Órgano e Composición. Posteriormente ampliou a súa formación en Friburgo e Trossingen, especializándose na interpretación histórica e na improvisación para órgano. Ao longo da súa carreira acadou distintos recoñecementos en concursos de piano, órgano e clavecín.
A segunda actuación do ciclo celebrarase o venres 24 de xullo coa presenza de Iberian Ensemble. A formación portuguesa ofrecerá un programa dedicado ao estilo galante, unha corrente musical desenvolvida en Europa entre 1730 e 1770, caracterizada pola claridade expresiva e por buscar unha recepción máis directa e sensual da música. Durante o concerto interpretaranse obras de Johan Joachim Quantz, Joan Baptista Pla, Josep Pla e Carl Philipp Emanuel Bach.
Iberian Ensemble foi creado en 2012 por Alexandre Andrade co propósito de combinar a investigación musicolóxica coa interpretación da música ibérica dos séculos XVII, XVIII e XIX. Desde entón participou en festivais especializados celebrados en Portugal, España, Reino Unido, Croacia, Serbia, República Checa e Grecia.
O ciclo concluirá o xoves 30 de xullo coa actuación de Teucro Trío, que presentará o concerto “Unha viaxe pola Europa do Barroco”. O programa estará dedicado á sonata en trío e incluirá composicións de Marco Uccelini, Francesco Maria Veracini, Santiago de Murcia, Andrea Falconiero, Dietrich Buxtehude e Jacques Morel.
Teucro Trío está integrado por Sergio Heredia, ao violín barroco; Fernando Reyes, á guitarra barroca e á tiorba; e Arquímedes Artal, á viola de gamba. Heredia é profesor de violín no Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga de Pontevedra e director da Xove Orquestra Sinfónica de Pontevedra. Fernando Reyes, natural de Santiago de Compostela, é un dos fundadores do grupo de música antiga Resonet, mentres que Arquímedes Artal forma parte do cuarteto Gallaecia Antiqva e exerce como profesor de viola de gamba no Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga de Pontevedra.