O Museo de Pontevedra adquire a maior colección que existe sobre Valle Inclán

Pasará a ser o maior depositario da colección do escritor ao incorporar fondos valorados en preto de 300.000€ que inclúen retratos, cartas, bens persoais e pezas de vestiario e mobiliario
museo-pontevedra-valle-inclan
4 Jun 2026

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o vicepresidente Rafa Domínguez anuncian a adquisición para o Museo de Pontevedra da maior colección existente sobre Ramón María del Valle-Inclán, uns fondos que ata agora custodiaba a familia do escritor e que inclúen tanto obxectos persoais como correspondencia con outros autores da súa época e obras de arte de grandes figuras da súa época. “A partir de agora, falar do Museo de Pontevedra será tamén falar do Museo máis importante de España arredor da figura de Valle-Inclán. Iniciamos o expediente para a adquisición de bens de altísima relevancia cultural, histórica e patrimonial para que estean onde teñen que estar”, explicou o mandatario provincial este xoves nun acto celebrado no Edificio Castelao no que tamén participou a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve.

Con este acordo, o Museo de Pontevedra, entidade dependente da Deputación, pasa a ser o titular dunha colección de máis de cen pezas de extraordinario interese valoradas en 290.000€. O conxunto inclúe 24 caricaturas e retratos do propio Valle-Inclán, entre eles algúns asinados por Carlos Maside, Sancha, Arturo Souto e Daniel Vázquez Díaz; 11 gravados e 23 pinturas, incluíndo obras de artistas de primeira liña como Ángel Zárraga, Joaquín Mir ou Marceliano Santa María e tamén cadro simbolista Florisel do galego Juan Luis López, galardoado coa Terceira Medalla na Exposición Nacional de 1917; 8 esculturas, entre as que teñen un enorme valor as máscaras mortuorias do propio Valle-Inclán realizadas por Francisco Asorey; 15 pezas de mobiliario da súa vivenda en Madrid, 18 pezas de indumentaria e complementos, 36 obxectos varios, como condecoracións, pezas de cerámica e os tacos tipográficos que el mesmo empregou nas edicións das súas obras; un conxunto de fotografías datadas entre 1860 e arredor de 1930; e documentación de arquivo como correspondencia, contas e notas domésticas, tarxetas persoais e orixinais doutros autores, como un prólogo escrito por Jacinto Benavente. “Un universo material que nos achega ao home detrás do mito”, resumiu a directora do Museo.

“É unha oportunidade única para achegarse á figura de Valle-Inclán desde unha perspectiva integral, non so para coñecer mellor a súa obra senón para comprender o contexto intelectual, artístico e humano no que foi creada. Valle-Inclán forma parte da literatura universal pero tamén da historia de Galicia e Pontevedra e o Museo custodiará a máis completa e relevante colección existente sobre o escritor”, contextualizou o vicepresidente Rafa Domínguez.

O presidente da Deputación, Luis López, fixo fincapé na transcendencia dunha operación que marca un novo fito histórico para o Museo de Pontevedra, a provincia e a cultura. “Hai unha semana compareciamos neste Museo para informar dun fito histórico que nos consolida aínda máis como o gran depositario do legado artístico e intelectual de Castelao. Hoxe estamos ante outro día histórico porque este Museo tamén será a casa doutro grande das nosas letras: don Ramón María del Valle Inclán. É unha das grandes figuras da literatura española, coa súa obra, situou a Pontevedra e a Galicia no epicentro da vangarda artística e de finais do século XIX e principios do XX. Pero no século XXI creo que merece aínda un recoñecemento máis, como o que facemos aquí e agora. Don Ramón merece reivindicarse aínda máis por todos porque é unha figura de todos; e nós imos contribuír de xeito determinante a súa proxección e coñecemento”, enxalzou o dirixente.

Un acordo que culmina tres anos de conversas

Un papel decisivo para que este acordo se fixera realidade xogouno a familia de Valle-Inclán, “que que elixiu o Museo para depositar o legado do mestre”, agradeceu López. Desde outubro do ano 2023 o vicepresidente Rafa Domínguez e os descendentes do escritor nacido en Vilanova de Arousa mantiveron conversas constantes que permitiron fraguar este acordo. “Quero agradecer á familia de Valle-Inclán pola confianza depositada no Museo. As negociacións comezaron hai case tres anos, foi un proceso discreto e complexo, pero sempre existiu a contade compartida de garantir que o seu legado recibira a protección, o coidado e a proxección pública que merece”, detallou Domínguez.

Ata este momento, a figura de Valle-Inclán estaba pouco representada nas coleccións artísticas do Museo, por iso esta adquisición supón un movemento estratéxico que demostra a aposta do goberno provincial por consolidar ao Museo como unha referencia para a posta en valor das grandes figuras da cultura da provincia e de Galicia. Esta colección cambia radicalmente esa situación. “Esta colección de valor incalculable de Ramón María del Valle Inclán terá un espazo propio e permanente no Museo de Pontevedra que estará destinado a poñer en valor a figura e legado do escritor. Despois da rehabilitación dos Edificios Centrais do Museo, habilitaremos unha sala no Edificio García Flórez destinada en exclusiva a Valle-Inclán”, adiantou o presidente, quen puntualizou tamén que todo o patrimonio relacionado con Valle-Inclán estará aberto ao público en coordinación coa Casa Museo de Valle-Inclán de Vilanova de Arousa.

“A incorporación destes fondos de Valle-Inclán redefine o Museo de Pontevedra”, concluíron López e Domínguez, reafirmando o compromiso coa cultura galega e o impulso ao Museo e reiterando o agradecemento á familia do escritor pola confianza depositada na Deputación.

0.35100507736206