O Museo de Pontevedra expón unhas cascas vinculadas ao fusilamento de Alexandre Bóveda

Desde hoxe, a Deputación incorpora á exposición Castelao. A derradeira leición do mestre no Museo de Pontevedra, un novo elemento de gran valor simbólico: as cascas do piñeiro da Caeira (Poio) fronte ao que foi fusilado Alexandre Bóveda e que recolleu e gardou durante décadas a súa viúva, Amalia Bóveda. Trátase dun depósito temporal da Fundación Alexandre Bóveda, que permanecerá na sala para mostra pública ata o peche da exposición, o vindeiro 27 de setembro.
Estes fragmentos de piñeiro levounos Amalia Bóveda perante o cadro A derradeira leición do mestre o pasado 17 de agosto, Día da Galiza Mártir, nun acto de forte carga simbólica e emocional. Despois da adecuación técnica e administrativa, a Fundación Alexandre Bóveda, depositounos temporalmente no Museo de Pontevedra para que poidan ser exhibidos como pegada física da represión franquista e símbolo da resistencia democrática.
Fronte ao piñeiro da Caeira o exército de Franco fusilou a Alexandre Bóveda o 17 de agosto de 1936 e, nese mesmo lugar, tamén foron fusilados o 12 de novembro dese ano outras dez persoas condenadas polo seu apoio á República: Víctor Casas, Amancio Caamaño, José Adrio, Germán Adrio, Telmo Bernárdez, Paulo Novás, Ramiro Paz, Luis Poza, Benigno Rey e Juan Rico.
Estes fragmentos, recollidos e gardados pola viúva de Alexandre Bóveda, Amalia Álvarez, permaneceron na esfera privada. A coincidencia no mesmo espazo do lenzo de Castelao e dos fragmentos reais da árbore supón un fito de gran transcendencia. Trátase dun diálogo único entre o obxecto físico e a obra mestra de Castelao, símbolo de memoria democrática e galeguismo.
A exposición
Este elemento únese na mostra Castelao. A derradeira leición do mestre ao conxunto de elementos que contextualizan o cadro que Castelao pintou para o Centro Orensano de Buenos Aires no ano 1945 e que foi cedido para esta exposición polo Centro Galicia de Buenos Aires. Rodeando á obra que representa o fusilamento de Alexandre Bóveda atopamos a primeira edición de Sempre en Galiza e o seu manuscrito orixinal, dedicada a Bóveda e que foi editada en 1944 polo Centro Orensano, que un ano despois lle encargou a Castelao un gran lenzo destinado a converterse nun símbolo da memoria democrática galega.
Móstrase a continuación o debuxo orixinal de 1937 da estampa nº 6 de Galicia mártir, titulado A derradeira lección do mestre e que oito anos despois reproduciría no famoso cadro. Unha fotografía tomada o 17 de agosto de 1945 presenta a celebración da Diada dos Mártires Galegos no Centro Orensano de Buenos Aires e na que aparecen figuras destacadas da emigración e do exilio. Na imaxe tamén aparece Castelao, xunto ao busto de Alexandre Bóveda que realizou Domingo Maza e co cadro A derradeira lección do mestre ao fondo.