O Museo de Pontevedra inaugura a exposición histórica de 'A derradeira leición do mestre', de Castelao

Pintada durante o exilio arxentino do autor, está considerada a súa obra pictórica máis importante e un dos grandes símbolos da cultura galega contemporánea
inauguracion-cadro-castelao-pontevedra-mestre
26 Jun 2026

O Museo de Pontevedra abriu este xoves ao público a exposición A derradeira leición do mestre, unha mostra histórica que permite contemplar unha das obras máis emblemáticas da arte e da memoria colectiva galega. A inauguración contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; e do vicepresidente provincial e responsable do Museo, Rafa Domínguez, ademais de numerosas autoridades, representantes do ámbito cultural, da memoria histórica e da colectividade galega no exterior.

A exposición constitúe un acontecemento excepcional, xa que é a segunda vez que o lenzo cruza o Atlántico desde Bos Aires e a primeira ocasión na que se exhibe na provincia de Pontevedra. Ademais, a pintura preséntase xunto ao debuxo orixinal conservado polo Museo de Pontevedra, permitindo ao público achegarse ao proceso creativo dunha das creacións máis recoñecidas de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

Pintada durante o exilio arxentino do autor, A derradeira leición do mestre está considerada a súa obra pictórica máis importante e un dos grandes símbolos da cultura galega contemporánea. O cadro foi realizado en Bos Aires en 1945 e está inspirado nun debuxo anterior incluído no álbum Galicia mártir. A obra rende homenaxe a Alexandre Bóveda, dirixente galeguista fusilado en 1936 tras o golpe de Estado, e converteuse co paso do tempo nunha poderosa denuncia da represión franquista e nun símbolo da defensa da liberdade, da educación e da identidade galega.

A escena mostra un mestre asasinado diante dos seus alumnos, nunha composición cargada de simbolismo e emoción. O rostro do mestre reproduce os trazos de Alexandre Bóveda, converténdoo nunha homenaxe directa ao político pontevedrés e, ao mesmo tempo, nunha representación de todas as vítimas da represión. A forza expresiva da obra fixo que sexa considerada unha das grandes iconas da arte galega do século XX.

O lenzo pertence ao Centro Galicia de Bos Aires, institución que o custodia de maneira permanente desde hai décadas e que fixo posible a súa cesión temporal para esta exposición. A colaboración entre o Museo de Pontevedra e a entidade da diáspora permitiu culminar un proxecto no que se traballou durante os últimos tres anos.

A mostra permanecerá aberta ata o vindeiro 27 de setembro no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. Ao redor da exposición desenvolverase unha ampla programación cultural que inclúe concertos, visitas guiadas, actividades didácticas, obradoiros infantís e actos vinculados á memoria histórica e ao legado do autor de Rianxo.

Durante a inauguración, as institucións participantes coincidiron en destacar o valor excepcional da obra, tanto pola súa relevancia artística como polo seu significado histórico e simbólico. A chegada de A derradeira leición do mestre a Pontevedra supón así unha oportunidade única para contemplar unha peza fundamental do patrimonio cultural galego e para reivindicar a figura de Castelao como artista, intelectual e referente da memoria democrática de Galicia.

0.29517793655396