O Museo de Pontevedra recupera a obra de Castelao nun concerto do cuarteto deBiselas

O espectáculo ‘Ecos de Castelao’ combinará textos de ‘Cousas’, ‘Os vellos non deben de namorarse’ e ‘Sempre en Galiza’ con composicións musicais de diferentes autores
debiselas
27 Sep 2026

O Museo de Pontevedra programou para este martes, 29 de setembro, un concerto do cuarteto de frautas deBiselas no Edificio Castelao. A actuación comezará ás 19.00 horas e estará protagonizada polo espectáculo ‘Ecos de Castelao’.

A proposta combina a interpretación musical coa literatura e as artes plásticas a través dunha reinterpretación de textos de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. O repertorio inclúe fragmentos de ‘Cousas’, ‘Os vellos non deben de namorarse’ e ‘Sempre en Galiza’, que se mesturarán con composicións de Carlos Gardel e Warren Barker, así como coa ‘Lela’ de Rosendo Mato.

deBiselas é un cuarteto de frautistas formado por Sabela Galbán, Carlota Salgado, Valeria González e Bea Rodríguez. Trátase dun colectivo multidisciplinar que busca integrar nos seus concertos diferentes linguaxes artísticas, combinando os elementos sonoros, plásticos e literarios.

O proxecto naceu na primavera de 2016, cando as catro integrantes estaban a piques de rematar os seus estudos de Frauta no Conservatorio Superior de Música da Coruña. Desde entón, o colectivo mantén como un dos seus obxectivos achegar ao público as posibilidades da frauta travesa a través da interpretación en ensemble.

Os seus programas caracterízanse pola variedade de formacións e repertorios, con propostas para dúo, trío e cuarteto e obras que percorren diferentes períodos da historia da música, desde o Barroco e o Clasicismo ata o Romanticismo, o século XX e a creación contemporánea.

0.31253910064697