O Museo Provincial de Lugo cede a Valencia a súa singular "Madalena penitente"

A escultura atribuída ao imaxineiro sarriao Gregorio Fernández formará parte da exposición "Magdalena. Ni santa ni pecadora", que abrirá o 29 de outubro no Museo de Belas Artes de Valencia e permanecerá ata febreiro de 2027
madalena-Gregorio-Fernández-Museo-Lugo
21 Oct 2026

O Museo Provincial de Lugo (MPL) prestará temporalmente a escultura "Madalena penitente" para a exposición "Magdalena. Ni santa ni pecadora", organizada polo Museo de Belas Artes de Valencia e comisariada polo seu director, Pablo González Tornel. A mostra inaugurarase o 29 de outubro e poderá visitarse ata o 14 de febreiro de 2027, cando a peza regresará a Lugo.

A exposición propón unha reflexión sobre os roles atribuídos ás mulleres ao longo da historia da arte a través da figura de María Madalena, representada desde cinco perspectivas: apóstola e pecadora, santa, penitente, intelectual e forte.

A escultura lucense compartirase con obras de destacados artistas como José de Ribera, Anton van Dyck, Gerard Seghers, o Greco e Francisco de Zurbarán. As pezas proceden de importantes institucións museísticas españolas e europeas, entre elas o Museo do Prado, a Galleria Nazionale d'Arte Antica di Palazzo Barberini e Palazzo Corsini, o Museo Nacional de Escultura e os Musei Capitolini de Roma.

A "Madalena penitente" chegou ás coleccións do Museo Provincial de Lugo grazas ao depósito realizado polo mecenas Adolfo Autric Amarillo de Sancho. A obra representa a santa seguindo a iconografía barroca e contribuíu a enriquecer os fondos de arte sacra da institución. Antes da súa chegada a Lugo, estivera exposta no Museo de Belas Artes de Córdoba.

A peza ten un valor especial para o museo lucense, xa que é a única obra atribuída ao escultor sarriano Gregorio Fernández que se exhibe nas súas salas, malia a orixe galega deste recoñecido imaxineiro. Actualmente pode visitarse de forma gratuíta na sala 6, onde se conserva nunha vitrina creada especificamente para a súa exposición.

0.3636679649353