O Museo Provincial de Lugo incorpora aos seus fondos a escultura 'Esfera azul', de Elena Colmeiro

O Museo Provincial de Lugo acaba de incorporar aos seus fondos a escultura 'Esfera azul', de Elena Colmeiro (Silleda, 1932-Madrid, 2021), unha das figuras máis destacadas da arte galega contemporánea e referente no uso creativo da cerámica. A peza, doada ao museo polo fillo da artista, pode verse desde hoxe na primeira planta do edificio, preto da sección de escultura galega.
A obra, de gran presenza física e visual, ten unhas dimensións de 200 x 202 x 31 centímetros e pasa a integrarse no discurso expositivo estable do museo, nun espazo singular do edificio. A súa incorporación supón ampliar a representación da creación artística contemporánea galega e, en particular, das mulleres artistas nas coleccións da institución.
A directora do Museo Provincial, Aurelia Balseiro, destacou a importancia desta incorporación, que reflicte a mestría técnica e a dimensión conceptual da obra de Elena Colmeiro. Pola súa banda, a deputada de Cultura, Iria Castro, agradeceu a xenerosidade e a confianza da familia Colmeiro, cuxa doazón permite seguir enriquecendo os fondos museísticos.
Con esta incorporación, o Museo Provincial continúa a liña de adquisición e recepción de obras de mulleres artistas galegas desenvolvida nos últimos anos, que permitiu ampliar as coleccións con pezas de creadoras como Soledad Penalta, Paula Noya e Ruth Lodeiro.
A relación de Elena Colmeiro co museo vai máis alá desta nova incorporación. A artista xa doara á institución o cadro 'Vista de Lugo coa muralla', realizado polo seu pai, Manuel Colmeiro, que actualmente se exhibe na sala 14.