O Museo Provincial de Lugo incorpora un retrato de Luís Quintas Goyanes doado por dous particulares

Pilar Zato Montenegro e Xulio Pardo de Neyra entregaron ao museo unha pintura ao óleo de 1965 que representa a viúva de Giménez-Millas
obra-Luis-Quintas-Museo-Lugo
19 Nov 2026

O Museo Provincial de Lugo incorporou aos seus fondos de Belas Artes un novo retrato do pintor galego Luís Quintas Goyanes (Santiago de Compostela, 1907-A Coruña, 1987), grazas á doazón de Pilar Zato Montenegro e Xulio Pardo de Neyra. Trátase dunha pintura ao óleo realizada en 1965 que representa, nunha composición de busto, a viúva de Giménez-Millas, ataviada cunha camisa branca, gravata e toga negra. A obra está asinada e datada na parte inferior dereita.

Esta peza súmase ás outras catro obras do artista que xa forman parte da colección do museo: "Interior de capuchinas" (1942), "A dársena" (1959), "Asorey no seu leito de morte" (1961) e "O rosario" (1959), esta última exposta na sala 12. Quintas Goyanes destacou especialmente no retrato, aínda que tamén cultivou a paisaxe e a ilustración.

O pintor compostelán foi catedrático de debuxo da Escola de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos da Coruña e membro numerario da Real Academia Galega de Belas Artes, da Real Academia Galega e da Real Academia de Belas Artes de San Fernando. Con esta incorporación, o Museo Provincial continúa ampliando os seus fondos, que durante 2026 sumaron 250 novos bens culturais.

0.34003114700317