O Museo Provincial de Lugo recupera a obra gráfica de Xosé Telmo Lodeiro

O Museo Provincial de Lugo inaugurará este xoves, 10 de setembro, a exposición "Lodeiro. Obra Gráfica", unha mostra dedicada ao artista galego Xosé Telmo Lodeiro (Vigo, 1930–1996) cando se cumpren 30 anos do seu falecemento. A inauguración terá lugar ás 19:00 horas no Refectorio do museo e a exposición permanecerá aberta ao público ata o 1 de novembro de 2026.
A mostra chega a Lugo grazas á colaboración entre o Museo Provincial de Lugo e o Museo de Artes do Gravado e da Estampa Dixital (MUGART). A exposición está coordinada por Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo, e comisariada por Carlos L. Bernárdez e Xoán Pastor Rodríguez Santamaría.
A programación arredor da obra de Lodeiro completarase ese mesmo xoves cunha visita guiada ás 18:00 horas a "Átona", a exposición da súa filla, Ruth Lodeiro, que coincidirá durante uns días nas instalacións do museo coa mostra dedicada ao seu pai. Será a propia Ruth Lodeiro quen conduza esta visita.
Ao acto de inauguración están convocadas Iria Castro Fernández, deputada delegada da Área de Cultura da Deputación de Lugo; Encarna Lago González, xerente da Rede Museística Provincial de Lugo; e Aurelia Balseiro García, directora do Museo Provincial de Lugo.
Máis de tres décadas de creación gráfica
A exposición afonda nunha vertente fundamental da traxectoria artística de Xosé Telmo Lodeiro, cuxa produción gráfica se estende ao longo de máis de tres décadas. O gravado permite seguir a evolución da súa linguaxe creativa, desde os primeiros linóleos e xilografías dos anos sesenta ata as posteriores investigacións arredor da xeometría, a luz, a cor e a percepción.
As primeiras obras están estreitamente vinculadas ao compromiso social do artista e á súa participación na Estampa Popular Galega. Nelas, a forza expresionista da liña convértese nun recurso para abordar cuestións como a violencia, a represión e as desigualdades sociais da época.
Co paso do tempo, esta dimensión crítica foi convivindo cunha simplificación progresiva das formas. A xeometría foi adquirindo así un protagonismo cada vez maior na súa obra e acabou por converterse nun dos principais sinais de identidade da súa linguaxe artística.
Para Lodeiro, a estampa tamén constituía unha ferramenta para achegar a creación artística á sociedade. O artista entendía o gravado como un medio para difundir as súas ideas e establecer unha relación directa co público, unha concepción que explica o peso desta disciplina dentro da súa traxectoria.