O Noia Harp Fest reunirá grandes figuras internacionais da arpa e estreará catro novas creacións

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest) celebrará a súa décimo terceira edición entre o 29 de xullo e o 1 de agosto cun programa que reforza a súa aposta pola innovación, a creación contemporánea e a diversidade musical. O certame, único no noroeste peninsular dedicado integramente á arpa, ofrecerá dez concertos gratuítos e contará cun destacado protagonismo feminino entre as artistas participantes.
A inauguración terá lugar o 29 de xullo no Teatro Coliseo Noela coa actuación da Real Filharmonía de Galicia, que interpretará por primeira vez a obra Alén do azul, do compositor coruñés Teo Montero Rey. A peza foi a gañadora do Premio Portus Apostoli 2025, un certame promovido polo propio festival para fomentar a creación de novo repertorio para arpa e orquestra. Coincidindo coa presentación da programación, a organización abriu tamén a convocatoria da edición de 2027 deste premio de composición.
Entre as novidades máis destacadas desta edición figura a incorporación do arpista estadounidense Park Stickney, considerado un dos grandes renovadores da arpa contemporánea e pioneiro na utilización da arpa electroacústica dentro do jazz. O músico actuará o 31 de xullo acompañado polo trío Gustaf, Frederick & Isabel, nun concerto no que compartirá escenario coa saxofonista Araxi Karnusian e o baixista Björn Meyer.
O cartel internacional complétase con nomes xa anunciados como a arpista escocesa Maeve Gilchrist, a irlandesa Siobhán Armstrong e a recoñecida artista gambiana e británica Sona Jobarteh, que será a encargada de clausurar o festival o 1 de agosto.
Un dos piares fundamentais do Noia Harp Fest volverá ser o apoio ao talento emerxente. O 30 de xullo celebrarase no Liceo de Noia a quinta edición do Encontro de Escolas e Alumnado de Arpa de Galicia, que reunirá a 22 estudantes de entre 8 e 18 anos procedentes de distintos centros formativos galegos. Como novidade, o alumnado interpretará conxuntamente unha composición creada por Maeve Gilchrist, quen tamén dirixirá a actuación.
A programación inclúe ademais propostas exclusivas creadas especificamente para o festival, como os espectáculos de Beatriz Martínez xunto a Acacia Ojea e da Banda do NHF con Su Garrido Pombo. Tamén haberá concertos de Manuel Vilas con Entrebescant, Neleta Ortiz acompañada polo violonchelista Thomas Piel, así como diversas estreas de novas composicións.
Ao longo de catro xornadas, o festival desenvolverase en distintos espazos emblemáticos da vila, entre eles o Teatro Coliseo Noela, o Liceo de Noia, a igrexa de Santa María A Nova, a igrexa e o claustro de San Francisco e a Praza do Tapal. Todos os concertos serán de acceso libre ata completar a capacidade de cada recinto.
Con esta nova edición, o Noia Harp Fest consolídase como unha das principais citas internacionais arredor da arpa, combinando tradición, vangarda e formación nun evento que converte cada verán a localidade coruñesa nun referente musical e cultural.