O novo helicóptero substituto do 061 de Santiago segue sen prestar servizo, di a CIG

Segundo a información á que tivo acceso o sindicato, o helicóptero non pode voar debido a problemas de homologación na súa configuración
helicoptero-061-medicalizado
17 Nov 2026

A CIG-Saúde denuncia que a nova aeronave chegada á base compostelá o pasado 12 de novembro continúa sen estar operativa por problemas de homologación, mentres o persoal segue sen coñecer cando poderá comezar a funcionar.

A CIG-Saúde denuncia que o pasado xoves, 12 de novembro, chegou un novo helicóptero á base do 061 de Santiago de Compostela, pero a aeronave segue sen estar operativa. Segundo a información á que tivo acceso o sindicato, o helicóptero non pode voar debido a problemas de homologación na súa configuración. Porén, a dirección non facilitou explicacións ao persoal nin aclarou cando poderá entrar en funcionamento.

Ademais, na mesma helisuperficie continúa un segundo helicóptero que tampouco pode voar, unha situación que, segundo a organización sindical, supón un problema de seguridade ao manter dúas aeronaves no mesmo espazo no caso de que algunha delas poida actuar.

Esta nova incidencia prolonga a inoperatividade do servizo, interrompido desde o pasado 6 de novembro, e evidencia, segundo a CIG-Saúde, a falta de previsión e de información por parte da dirección do 061.

O sindicato lembra que as traballadoras e os traballadores queren prestar o seu servizo e atender as emerxencias sanitarias, pero necesitan información precisa, prazos e garantías. «O persoal quere traballar, quere saber cando poderá facelo e en que condicións. Queren información e claridade, pero parece que nada diso é unha prioridade para a Administración», critican.

A CIG-Saúde considera inadmisible que se pretenda garantir a continuidade dun recurso sanitario esencial mantendo a prestación cunha empresa en concurso de acredores e con serios problemas de liquidez que, segundo denuncia, acaban repercutindo directamente no funcionamento do servizo.

Esta situación non só compromete a estabilidade e a continuidade dun recurso fundamental para a atención ás emerxencias sanitarias, senón que tamén traslada unha sensación de inseguridade e incerteza ás persoas profesionais que traballan nel. «Non se pode normalizar que un servizo esencial dependa dunha compañía que xera dúbidas sobre a súa capacidade para garantir unha prestación adecuada e segura», inciden.

A esta situación súmase a falta de información sobre a nova licitación do transporte sanitario aéreo, pendente desde hai dous anos. A Administración continúa sen aclarar os prazos do novo contrato nin as condicións nas que se garantirá a prestación deste servizo esencial.

Ante esta situación, a CIG-Saúde esixe á dirección do 061 e á Xunta que aclaren os problemas que presenta o novo helicóptero e os motivos polos que non pode voar, así como cando está previsto que entre en funcionamento. Tamén reclama información sobre as medidas que se están adoptando para garantir a operatividade e a seguridade da aeronave, a situación da nova licitación do transporte sanitario aéreo e a súa previsión de adxudicación.

Ademais, o sindicato pide garantías á Administración para asegurar a continuidade do servizo ante a situación económica da empresa adxudicataria.

A CIG-Saúde reclama á dirección do 061 garantías de seguridade para profesionais e pacientes, así como información inmediata, transparencia e solucións concretas.

0.42727613449097