O Observatorio contra a Discriminación lanza unha mensaxe de rexeitamento da LGTBIfobia

Pleno coñeceu os datos do informe de incidentes de odio correspondente ao ano 2024 que ratifica a tendencia descendente en Galicia
primeira-sesion-ordinaria-observatorio-discriminacion
28 May 2026

A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participou na sesión plenaria do Observatorio contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, no que se lanzou unha mensaxe unánime de rexeitamento ante calquera caso de LGTBIfobia. Neste sentido, recalcou que “non se pode permitir que existan persoas que sigan sufrindo violencia e odio” por razón de súa orientación sexual ou identidade de xénero, e asegurou que “cada vez que se coñece un caso, retrocedemos como sociedade”.

O Pleno do Observatorio, poucos días despois da celebración do Día Internacional contra a LGBTIfobia, o día 17 de maio, coñeceu os datos do informe de incidentes de odio correspondente ao ano 2024. Trátase, segundo explicou a directora xeral, dun documento que ratifica a tendencia descendente na comunidade, coa necesidade de seguir poñendo o foco no rural. Así, reivindicou que “temos a sorte de vivir nunha Galicia libre, que abraza e que é diversa no sentido máis amplo, sen esquecer que segue habendo persoas vulnerables e debemos enfocar aí as nosas accións para rematar con estas situacións”.

A directora xeral tamén avanzou que o Pleno do Observatorio deu conta da constitución dun grupo de traballo para seguir afondando na plena integración das persoas do colectivo no eido deportivo. Así, da man da Secretaria Xeral para o Deporte estase a traballar no deseño de formación específica para este ámbito, enfocada na sensibilización, acompañamento as persoas LGBTI e aos cambios na lexislación actual.

A maiores, o Consello Galego de Relacións Laborais presentou dous documentos elaborados pola Comisión consultiva autonómica para a igualdade entre mulleres e homes na negociación colectiva. Trátanse do Protocolo para a prevención e actuación fronte ao acoso laboral, sexual, por razón de sexo e de xénero, orientación sexual, identidade de xénero, expresión de xénero e características sexuais, ao que se suma tamén o do documento de Recomendación sobre diversidade sexual.

Aproveitando a ocasión, María Quintiana tamén quixo facer un recoñecemento ao movemento asociativo que traballa en toda a comunidade prestando atención, asesoramento, formación e sensibilización a quen máis o precisa. Deste xeito, reafirmou o compromiso da Xunta con todo o tecido social e trasladou o apoio do Goberno galego as súas acción para construír desde todos os eidos unha Galicia cada vez máis inclusiva, diversa e igualitaria. Así pois, fixo especial fincapé en que a Xunta seguirá apoiando e acompañando iniciativas que están levar a visibilidade e o valor da diversidade LGBTI ao rural galego fundamentais para seguir dando pasos adiante, como son Ponte Farruca (Laza), a Ruada das Gotas (Ribadumia), Porco Pride de Espasante (Ortigueira) ou o Muíños Pride (Muíños).

0.29061198234558