O Osa do Mar de Burela recibe o Premio PALCO ao mellor evento cultural ou musical de Galicia

O festival Osa do Mar, organizado pola Asociación Cultural Fanto Fantini de Burela, foi distinguido como mellor evento cultural ou musical na segunda edición dos Premios PALCO, uns galardóns que recoñecen o traballo dos profesionais, artistas, empresas e espazos vinculados á industria musical galega. O recoñecemento foi anunciado este martes, 3 de novembro, durante unha gala celebrada na Sala Capitol de Santiago de Compostela.
O festival burelao compartía candidatura con dous dos grandes referentes musicais de Galicia, o PortAmérica e o Resurrection Fest, aos que conseguiu superar para facerse cun dos premios desta edición. A distinción supón un respaldo ao traballo desenvolvido pola AC Fanto Fantini e á súa aposta por consolidar en Burela unha cita musical e cultural con identidade propia.
Os Premios PALCO celebraron a súa segunda convocatoria cun total de 14 categorías xerais, cuxos gañadores foron seleccionados entre 42 finalistas por un xurado integrado polas asociacións AGEM, AGATEC, TESGAL, AGPXC e CLUBTURA, ademais das persoas e entidades premiadas na edición anterior.
A gala tamén recoñeceu a The Rapants como artista do ano e á Fundación Paideia como persoa do ano, dous galardóns concedidos directamente pola directiva da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM). Pola súa banda, o festival Surfing The Lérez repetiu como gañador do Premio á Excelencia na Experiencia do Público, nesta ocasión mediante votación popular.
Entre os restantes premiados figuran Iago Pico, Gabi Fernández e Tanxugueiras, polo traballo discográfico 'O Cuarto'; As dúas e punto, pola posta en escena de 'Tertúlia', de Fillas de Cassandra; e Zeltia Iglesias, pola identidade visual de Mondra. Tamén recibiron distincións profesionais e empresas vinculadas á produción, iluminación, son, comunicación e programación musical.
No apartado de espazos e iniciativas, a Sala Rebullón foi elixida mellor espazo musical e Sinsal obtivo o recoñecemento ao mellor proxecto de sustentabilidade.
A cerimonia, presentada pola actriz e creadora de contidos Carlota Mosquera, rematou cunha sesión musical de Kris K DJ. Os premios abriron a programación do encontro PALCO, que continúa os días 4 e 5 de novembro no Museo Gaiás da Cidade da Cultura, en Santiago, cunha previsión de reunir arredor de 500 profesionais do sector para intercambiar experiencias, presentar proxectos e establecer novas colaboracións.